Avia Veira | "O destino fixo que nacese en Monte Alto e que volvese a Monte Alto"

Entre Labañou e Monte Alto pasa a vida desta concelleira coruñesa que presume fóra do “preciosa” que ve a súa cidade “pola luz, polo mar e polo aberta e acolledora que é”
Avia Veira | "O destino fixo que nacese en Monte Alto e que volvese a Monte Alto"
Avia Veira, na praza das Bárbaras / Patricia G. Fraga

A pesares da súa xuventude, é un dos rostros máis coñecidos en María Pita. Dunha maneira ou doutra, Avia Veira (A Coruña, 1986) , leva vinculada á política municipal dende o ano 2012, cando entrou como concelleira no palacio municipal. A súa etapa máis “intensa”, como ela mesma recoñece, foi como representante única do seu partido, o Bloque Nacionalista Galego, durante o mandato da Marea Atlántica. Nese momento, como nai de dous fillos –que agora xa son tres– moi pequenos, un marido no mar e todo o peso do grupo municipal para ela soa, o traballo púxoselle moi costa arriba pero foi quen de rematar a lexislatura. Hoxe esta filóloga de Labañou que vive en Monte Alto segue como concelleira, tamén da oposición e tamén do BNG, pero con tres compañeiros máis de loita na política local, un labor que define como “apaixoante”.  

 

Cal é o primeiro recordo que ten da Coruña? 
En Labañou, que foi o barrio onde me criei, de miña nai levándome a unha escola infantil que había alí nun piso, nas vivendas do Carme. Eu o pasaba xenial alí e creo que é o primeiro recordo de todos os que teño. E moitos tamén de xogar na rúa alí: a facer tómbolas, a vender cousas... O típico xogo de barrio.

 

Onde foi ao colexio? 
Ao Calasanz. Desde os catro ata os 18. Fixen todo alí.

 

E como lembra aquela etapa? 
Tivo claros e escuros, como todo. Houbo profesores alí moi estimulantes, que eran mestres vocacionais, marabillosos, como o de Filosofía, e recordo unha época un pouco convulsa cando empezou o “Nunca Máis” e o “Non á guerra” que me pillou nos últimos anos e que foi bastante intensa. Era complicado alí seguir todos eses movementos.

 

O tema da política, polo que se ve, xa o levaba dentro desde ben noviña. 
Si, a inquedanza política era algo moi da miña casa. Na época anterior á Guerra Civil, antes do golpe de Estado, tiña familia que estaba na CNT (meu tío avó era tesoureiro da CNT na Coruña), meu pai estivo no movemento cultural nos anos setenta.... Iso sempre se mantivo no discurso da familia, a conciencia de clase, todas esas cousas estaban no aire. E no momento no que tés un pouco de conciencia colectiva pilloume co “Nunca máis” e o “Non á guerra” e iso márcache moitísimo.

 

Hai moita xente que se manifesta e con inquedanzas políticas pero non todos pasan de aí á primeira liña. En que momento decidiu dar ese paso?
Co “Nunca máis”. Foi o momento no que dixen: “Aquí hai que organizarse  e defender os dereitos e defender o que un cre”. Aí entrei en Galiza Nova e no Bloque e xa me propuxeron para ir nunhas listas municipais, non sei en que posto pero vamos, moi lonxe dos de saída. E despois xa me fun implicando máis, no Consello Local e pouco a pouco me fun apaixoando por isto.

 

Pola política local sempre. 
Si, fun nunha candidatura ao Senado, recórdoo perfectamente, mentres estudaba a carreira, que aquelo foi unha auténtica loucura, pero si. A verdade é que é o máis cercano e o máis intenso tamén, pero a política local para min é apaixoante.

 

Supoño que unha das etapas máis intensas sería esa na que foi a única concelleira do seu partido en María Pita.  
Eu non sei como o fixen. Tiña un fillo dun ano e un de tres, un marido que non é precisamente funcionario de oito a tres, porque traballa no mar. Todo iso lle engadía complicacións. Eu falaba cos xornalistas cando estaba deixando os fillos na escola, camiño de recollelos... foi unha loucura. Pero aprendín tantísimo que tampouco o cambiaría por nada. E tiña, hai que dicilo, toda unha bagaxe da miña organización política, que leva anos tendo un proxecto para A Coruña. E tirei moito de xente experimentada: chamaba a María Xosé Bravo, a Mitas, a Carril... aínda que eu tamén tentei seguir o meu propio camiño e á miña propia maneira. E quixen ser fiel tamén a min mesma.

 

Ademais de Labañou, onde se criou, cal son os seus barrios, por onde se move? 
Labañou e Monte Alto. Cando nacín, meus pais vivían en Monte Alto e foi moi curiosa esa viaxe entre barrios porque despois eu crieime en Labañou ata os vintepico e viñemos de volta a Monte Alto, cando morreu miña madriña. O destino fixo que nacese en Monte Alto e que volvese a Monte Alto.

 

Dous barrios barrios, nada dos Cantóns... 
A ver, teño recordos moi bonitos nos Cantóns e no centro tamén. 


De feito, fixemos a foto desta entrevista nas Bárbaras. Por que elixiu este sitio? 
É un dos meus recunchos favoritos porque era o sitio onde a miña mellor amiga e máis eu falabamos horas e horas e case que confesabamos todo. Para min, é un sitio máxico, non sei explicar por que pero sempre o foi.

 

Sabe cal é o bus que ten que coller para ir á súa casa? 
Si, ademais teño moitos, teño esa sorte. A min gústame moito coller o bus.

 

E que bota de menos cando non está aquí? 
Na Coruña?

 

Si. O certo é que non tivo moitas etapas fóra.  
Non, non tiven moitas, a verdade. Sempre teño a maneira de volver aquí pero si que sei que non podería vivir sen mar. De foito, moitas veces especulas: se teño que irme vivir a non sei donde eu, por favor, que sexa un sitio con mar. É fundamental para pensar, para respirar... para todo.

 

Cando ven alguén de fóra, a onde o leva? 
Á Torre e a zona da Mariña. Eso é un espectáculo. A Torre é patrimonio da humanidade, é imperdoable se non levas alguén alí.

 

E de que presume cando fala da Coruña? 
De que é unha cidade preciosa, moi, moi bonita. Da súa luz, o seu mar, do acolledora e aberta que é a nivel de pensamento e, sobre todo, a súa beleza. É unha cidade moi de vivila, non de cartón pedra: de estar na rúa, de vivirse, de utilizarse. E non só no centro, que é o que pensamos sempre, senón tamén nos barrios, que son lugares de moita vida, co comercio local, a hostalaría... Todo iso é o máis encantador da cidade, aparte de que ten unha historia marabillosa.

 

E un defecto? 
Eu non lle vexo case ningún (risas). Algún defecto que podemos ter é que non coñecemos moito a nosa historia. Creo que nos falta moito, de que todo o mundo saiba a historia da cidade.

 

E, falando de coñecer a historia, se puidera facer unha viaxe no tempo a que lugar da historia da Coruña iría? 
Creo que ao principio do século XX, ata o ano 1936. Tivo que ser impresionante: Irmandades da Fala, todo o momento cultural que había, as mulleres, as cigarreiras, as revolucións que houbo... Hai tanto desa época que me encantaría ver e vivir... 

 

Preguntas cascarilleiras

Churros de Bonilla ou churros do Timón?
Son celíaca.

 

Vaia, mala pregunta, entón. 
Si, pero antes de sabelo, Bonilla cen por cen.

 

Méndez Núñez ou o monte de San Pedro?
Xardíns de Méndez Núñez, alí teño os meus recordos da infancia máis bonitos.

 

Para tomar algo, rúa da Estrela ou rúa da Barreira?
Eu fun moito da Barreira pero foi perdendo a súa esencia e agora mesmo me iría á rúa da Estrela.

 

Bebe auga de Emalcsa ou auga embotellada?
Emalcsa, vamos, cen por cen do grifo. Nunca tiven botellas de auga na casa pero creo que despois do do outro día (refírese ao apagón) vou ter unha garrafa (risas). Eu crin morrer cando vin que non saía auga da billa. E agora que?

 

Praia de Riazor ou praia do Orzán?
Riazor, tamén pola infancia e por todo. Miña nai, levábanos todos os días de verán, agás cando chovese, daba igual que estivese anubrado ou despexado, alí onde están as Esclavas, nesa zona da praia de Riazor. O meu verán é Riazor.

 

Móvese pola cidade a pé ou motorizada?
A pé ou no bus, en caso de que teña que ir a algún sitio máis lonxe. Salvo que por horarios non sexa compatible, collería o coche. Pero é o meu último recurso.

 

Xeados tradicionais deses da Ibi da Colón, incluso da Ibense que lembran moitos, ou sabores máis modernos?
Eu era da Colón. Tiñamos unha ruta que faciamos co meu avó os domingos e íamos: A Mariña a merendar, dabamos un paseo por alí e polos xardíns e acababamos tomando un xeado na Colón. Sempre.

 

E cal é o seu sabor?
Menta con chocolate. De maior, de pequena debía de tomar, vainilla, chocolate... Creo que me gustaban todos, non creo que tivera un fixo (risas).

 

Verbena ou concerto?
Concerto pero toda a música en directo me vale.

 

Algún que lle gustara especialmente?
O de Silvio Rodríguez. Cando era adolescente, perdera un concerto seu aquí e todo o mundo dicía que era o último e sentía que estaba a perder algo histórico. Así que desta vez, tan pronto me enterei, xa comprei as entradas e dixen: “Este non o perdo porque este si que seguramente sexa o último na Coruña”.

 

Entroido ou San Xoán?
A ver... se che digo San Xoán igual non me deixan volver entrar en Monte Alto (risas). Pero si, San Xoán. É unha noite que se a perdo sufro. É moi especial.

 

É máis de chorbo ou neno?
Eu era moi de chorbo. “A ver, chorbo”. Agora non... pero fago unha cousa cos meus fillos, que lles estou comendo o tarro para que non digan bro. Dígolles: “Chorbo, neno, meu, o que queirades, pero bro, non.

Avia Veira | "O destino fixo que nacese en Monte Alto e que volvese a Monte Alto"

Te puede interesar