Mónica Díaz | “Temos 300 quilos de amorodos para repartir porque da vergoña dicir que xa non quedan”

Mónica Díaz (A Coruña, 1974) hai sete anos que é a cabeza visible da loita veciñal en Eirís, curiosamente un dos barrios máis activos e reivindicativos de toda a cidade. A pesares de ter sido moi crítica co novo sistema de financiación, non podía renunciar a un dos momentos chave do ano: a Festa da Fresa.
Cantos quilos teñen pensado repartir este ano?
Temos 300, e agardamos que cheguen. Dá vergoña dicir: síntoo, pero xa non quedan amorodos. Por iso, decidimos subir dos 250 do pasado ano. E iso que non hai demasiada na comarca.
A súa é unha das celebracións máis orixinais, é a chave do éxito todos estes anos?
Pensamos que si, que vén de aí. Toda a zona de Eirís era unha das da Coruña onde máis amorodo se cultivaba. Case todo se dá na terra tan rica que temos. Se nos comparamos con Culleredo ou Carral, nós temos a produción lista un par de meses antes. Os primeiros amorodos da comarca eran os de Eirís.
Falar só dun reparto de amorodos sería inuxsto co resto do cartel...
Si, pero é o que dá algo distinto respecto ao resto de festas de A Coruña.
Teñen pensado aumentar a celebración unha data máis?
Non, é algo que non plantexamos. Non sabería dicir moi ben o por que. Este sistema que hai agora, no que temos que facer de todo, se xa é unha tolemia para un día, imaxina para dous.
Vostedes teñen sido das posturas máis críticas coa nova fórmula municipal para os barrios, manteñen esa impresión?
Canto máis avanzamos, máis poderíamos criticar. Están a xerarse gastos que doutro xeito non habería. Para a festa da escuma hai que contratar un fontaneiro, pagar unha fianza a Emalcsa... custa máis a xestión da auga que a festa da escuma en si.
Cal cre que é a solución idónea?
Facer como antes, pero coas contas claras e con transparencia.
Se falamos a nivel de barrio, como valora a situación actual?
Tendo en conta que 175 veciños van ser expulsados en menos de dous anos por acordo entre a Xunta e o Concello, é complicado. Polo demais, seguimos abandoados coma case sempre.
Tamén ten sido fundamental para o nacemento da asociación de Xuxán...
Nós sempre ofrecemos axuda, tivemos reunións e mantemos unha boa relación. Tampouco sabía que tivéramos sido tan fundametais na creación da asociación de veciños.
Que mensaxe mandaría á xente para que se achegue a Eirís a probar as súas festas?.
Ofertamos, ademais das festas e os grupos musicais, da programación un espazo incomparable no que sentarse, tirarse no campo... todo cunhas vistas estupendas da cidade.























