Castelo Conta, onde a aldea e a festa se atopan

Castelo Conta, onde a aldea e a festa se atopan
Veciñas no curso de pandeireta e canto que impartiu este xoves Xisco Feijóo | JAVIER ALBORÉS

O Castelo Conta é todo o que está ben na vida. É aldea e festa. Natureza e contos. É respecto polos maiores e difusión da tradición oral entre os pequenos. Son pandeiretas, aturuxos, paseos polo monte, música, verbena e ‘paparotas’ cos amigos e a familia, como manda calquera verán en Galicia. Un festival que celebra este ano a súa décima edición e que xa comezou a súa programación paralela na taberna local Casa Rodríguez, pechada durante anos e que en 2024 decidiu reabrir exclusivamente para este evento. Alí haberá desde sesións vermú e degustación de tapas de recoñecidos chefs ata xogos infantís e clases maxistrais como a de este xoves de Xisco Feijóo.


Foron cerca de trinta participantes os que disfrutaron dun curso intensivo de pandeireta e canto e tralas dúas primeiras horas o sentimento era xeralizado: “Estamos pasándoo xenial. Xisco é moi divertido e este festival é totalmente distinto aos demais. Pode non gustar a todo o mundo, pero é algo único”, dicía Manola Fero, veciña desta parroquia cullerdense ao pé do Xalo.


Colaboración veciñal

“O máis reseñable deste festival é a colaboración da veciñanza, dos que vivimos aquí todo o ano, dos que veñen a pasar o verán e dos que veñen só os días da festa”, explica a cómica Patricia Castrillón, impulsora desta cita cultural xunto co actor Xosé Antonio Touriñán e coordinadora dos campamentos infantís ‘Xente miúda’ que o festival oferta do luns 25 ao venres 29.


Neste lugar os nenos aprenden dos maiores e viceversa: “Aos veciños de aquí tamén lles gusta o movemento que hai os días da festa porque o resto do ano quizais non saen tanto e no Castelo Conta sempre hai paseo e leria”, apunta Castrillón.


A axenda propia do festival comeza o día 22 co concerto de Carlos Núñez e continuará ata o día 31 con actuacións como as de Ortiga, Tanxugueiras, Sés, Alana, De Vacas, Monoulious Dop, The Rapants ou os históricos Zënzar. Haberá tempo, tamén, para o teatro con espectáculos como ‘Bibopalula’ e actividades de recuperación da memoria e sabedoría popular como os Contos de Castelo ou os paseos pola aldea para coñecer e poñer en valor a toponimia antiga.

Castelo Conta, onde a aldea e a festa se atopan

Te puede interesar