Este 17 de maio as Letras Galegas teñen unhas protagonistas moi especiais, as cantareiras. Mulleres que de seguro non contaron nunca cunha homenaxe na xornada dedicada habitualmente a mestres da escrita. Porque a súa mestría non é sobre o papel, é a oralidade. Coa súa voz, acompañada das súas pandeiretas ou pandeiros (tamén de cousas máis de andar pola casa, como as latas de pementón ou os legóns) conseguiron difundir as letras galegas, á súa maneira, que diría Frank Sinatra.
Fronte á literatura ríxida do papel, as cantareiras, representada nas figuras de Adolfina e Rosa Casás, de Eva Castiñeira e das pandeireteiras de Mens (Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido), conseguiron fiar un legado cultural galego a través das súas coplas, que debuxaban o mundo que vían, e mesmo o que imaxinaban, moitas veces tirando de amor á terra, outras da retranca tan tipicamente galega, outras simplemente retratando o que ocorría ao seu redor.
E onde queda A Coruña nas súas letras? Pois en poucos lugares. A cidade coruñesa non é un dos espazos habituais das recollidas (ou recolleitas), que se fixeron máis ben en comarcas como as de Bergantiños, O Condado, Costa da Morte ou montaña lucense e ourensá. É precisamente a comarca de Bergantiños -e localidades do seu entorno- a que mantivo o nome da Coruña nas coplas da tradición oral das cantareiras, con letras que falaban moitas veces da cidade que era a cabeceira da provincia. Tamén é típico que os versos destas coplas non estean nin en galego normativo e nin sequera en galego. A oralidade mandaba, e por iso nesta época o desenvolvemento dunha lingua estandarizada era inda unha quimera. De feito, ademais de 'castrapear' as coplas inclúen fenómenos estilísticos como a paragoxe, na que se engade unha vogal ao final da sílaba da última palabra do verso (arricare no canto de arrincar, cantare no canto de cantar, por exemplo).
Un dos exemplos nos que a cidade da Coruña se sitúa como referencia retranqueira é unha copla aparecida nun disco no que comparten protagonismo Eva Castiñeiras e Florencio López, o cego dos Vilares (tío avó dun músico coruñés como Xoel López). Naquel "Recolleita Vol. I" interpreta pezas como as de A Danza:
As rapazas da Coruña,
non é unha que son todas,
botan dous pares de medias
para face-las pernas gordas
No "Canto popular gallego", de Luis María Fernández Espinosa, tamén se atopan coplas nas que se menciona a cidade da Coruña, neste caso á hora de caracterizar a idiosincrasia dos veciños das grandes urbes galegas.
En Pontevedra hai xastres,
na Coruña, mariñeiros;
en Ourense, afiadores,
en Lugo sonche gaiteiros
Os informantes do lugar de Nétoma, en Carballo, tamén permitiron rescatar unha copla que lle dedicaban á cidade, e á súa veciña de Ferrol.
No soy de Curuña
no soy de Ferrol
soy de la tierra
donde nace el sol
Unha das obras de maior amplitude á hora de levar á escrita a tradición oral das cantareiras e as súas coplas é o "Cancioneiro popular galego" de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, quen percorreron toda Galicia para recoller os cantos de cadansúa comarca. Nunha das coplas recollidas pola parella no Incio (Lugo) en 1981 cántase:
El presidente de La Coruña
tiene una hija muy guapa
él la quiere meter monja
y ella quiere ser casada
Forma parte esta letra dun cantar relacionado co fiado do liño, un dos momentos nos que máis se cantaba en Galicia aproveitando o tempo de facer as labores, como na seitura, no campo e, por suposto, no muíño, de aí as tradicionais muiñeiras.
Noutro cantar sobre os oficios aparece de novo a cidade, tamén relacionada co mar, neste caso recollida na Picota, en Mazaricos en 1979:
A Coruña dos xirelos
e Noia dos zapateiros
e Ouréns tén ricos nabos
e Lugo tén zaralleiros
En Malpica, concretamente en Santiago de Mens, en 1980 atoparon os autores unha copla referida á cidade da Coruña, en relación coas propias localidades bergantiñás.
Nin son de Malpica
nin son de Caiónhe
nin son da Coruña
non sei donde son
ai la...
De Vila da Iglesia, en Cerceda (1980) chega outra copla que mestura a caracterización local cun certo amorío, xa que moitas veces os cantares eran a forma de establecer relacións que tiñan en Galicia naquela época. Se no século XXI son os trends de TikTok os que triunfan entre os máis mozos, antigamente galegas e galegos lanzaban letras con intencións de namorar e de 'ligar'.
Aunque voy a La Coruña
no voy por ghanar dinero
que voy por ver a mi novio
que tiene cara del cielo
Tamén a emigración está moi presente nas coplas, como fórmula para narrar un movemento que caracterizou o final do século XIX e principios do XX en Galicia. Exemplo diso é a mención á Coruña que recolleron Schubarth e Santamarina en Meder, Salvaterra, en 1980.
En la ría da Coruña
una muchacha 'mbarcó
fue en busca de su novio
pero no lo encontró
Todas estas coplas volven á actualidade non só grazas ás Letras Galegas, que tamén, senón co traballo que para as recollidas e para manter a tradición de Galicia fan asociacións como Xacarandaina, Donaire, Son d'aquí ou Cántigas da Terra, entidades con raigame na Coruña que levan ás súas pezas os cantares de toda a vida para poñer as foliadas no torreiro coas súas muiñeiras, xotas, mazurcas ou maneos. Porque agora cando se dá a despedida "non é para parare, é para lle da-lo pandeiro a quen o saiba tocare".