As propostas coruñesas para celebrar as Letras Galegas

Desde hoxe e ata o domingo a cidade contará con multitude de actividades de todo tipo
As propostas coruñesas para celebrar as Letras Galegas
Entidades como Xacarandaina participarán da 'Festa das Letras' | Patricia G. Fraga

Este ano, o Día das Letras Galegas celebra a poesía popular oral, personificándoa nas Pandereiteiras de Mens, en Adolfina e Rosa Casás Rama i en Eva Castiñeira Santos. Deste xeito, para conmemorar as Letras, este ano a cidade convertirase nunha foliada de varios días.

 

 

 


A programación municipal leva por nome, precisamente, ‘A festa das Letras’ e dará comezo o venres con propostas como ‘Máis Saaabor!' (ás 18.00 horas na praza do Humor), unha espadana tradicional con cabezudos (un pasarrúas que partirá ás 18.00 da praza de Lugo até a de José Sellier), a obra ‘Muiñada’ (ás 19.30 horas na praza de San Andrés), un concerto de Treixadura (no Colón, ás 21.00 horas) e cunha foliada coa presenza de asociacións como Cántigas da Terra, Aturuxo, Xacarandaina, Maghúa, Son D’aquí, Espadana e Contiños da Feira (nos xardíns de Méndez Núñez ás 22.30 horas).
 

O 17, o propio Día das Letras, a actividade comezará ás 12.30 horas na praza de Azcárraga e na do Humor, coas actuacións de Pava e Cro-Cró na primeira e de Lydia Botana na segunda, que presentará ‘A feira das linguas’. Media hora máis tarde, na praza de José Sellier, será a quenda de Pulpiño Viascón.
 

Á tarde, Son D’aquí e Xacarandaina esparexerán a música tradicional e o baile nos xardíns de Méndez Núñez (17.30 horas), mentres que Caxoto levará os seus contos ao Humor (18.00 horas) e o dúo Vaguedades actuará na praza de San Andrés (19.30 horas). A xornada acabará coa música de Zavala, Ulex, Atalaias de Caión e Ortiga na praza de España (a hora de comezo serán neste caso as 21.00).
 

A pesares de que haberá algunha que outra actividade até case o verán, o domingo acabará a celebración como tal desta ‘Festa das Letras’. Cris Regueiro e Uno Vello, en Azcárraga, e Breo e Carabela, na praza de España, darán comezo á derradeira xornada de festa (12.00 horas). A Banda Municipal dará un concerto especial no Colón (12.15 horas) con Pedro Lamas e Lilaina. Pablo Díaz ofrecerá as súas melodías na praza do Humor (12.30 horas), namentres a charanga Bicoia amenizará as rúas entre José Sellier e Cormelana (13.00). 
 

Á tarde, Cántigas da Terra e Donaire volverán a levar a música e o baile a Méndez Núñez (17.30 horas), mentres en San Andrés Atenea García e Vero Rilo presentan ‘Bailen as vellas os contos das cereixas’ (18.00). O Rosalía será o escenario da gala do 70 aniversario de Aturuxo (19.00), mentres a praza de España canta con Belém Tajes e Eris Mackenzie (19.00).
 

Máis propostas

Pero as actividades co gallo das Letras Galegas tamén se estenden a entidades e establecementos de todo tipo.
 

Hoxe mesmo, sen ir máis lonxe, a Asociación Provincial de Amas de Casa ten prevista unha conferencia no Sporting Club Casino, ás 18.00 horas. O ponente será o poeta e editor Xulio Valcárcel e o título, ‘Letras Galegas. O galego é un idioma universal’.
 

O museo de Belas Artes tamén contará cunha proposta especial para conmemorar as Letras. Será o venres, ás 18.00 horas, cando a asociación cultural Pansenfron protagonice unha visita guiada ao museo, ligando arte e música. Ao finalizar, sobre as 19.00 horas, ofrecerá un concerto no salón de actos do recinto.
 

Máis aló das entidades culturais, as comerciais tamén aportarán o seu gran de area ás Letras Galegas. É o caso de Zona Obelisco que, en colaboración con Demo Editorial, organiza a ‘Ruta das Letras Galegas’, que permitirá aos clientes obter un ‘Raña e gaña’ coas súas compras nos establecementos asociados á entidade até o día 16, co que poderán conseguir libros dos autores da editorial que, ademáis, estarán firmando exemplares das súas obras o propio día 17 nun stand no Obelisco.


Tamén se sumarán ás celebracións os pequenos da Escola Infantil Municipal de Monte Alto, que xunto ao mestre Félix Arias e un cuarteto tradicional formado por pais e nais darán conta dunha tarde chea de música (17.30 horas) na que tamén haberá sorteos de produtos achegados por comerciantes do barrio. 

As propostas coruñesas para celebrar as Letras Galegas

Te puede interesar