O Citeec (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil) da Universidade da Coruña súmase á conmemoración do Día das Letras Galegas cunha colaboración moi especial coa Asociación Cultural Donaire que, como o Citeec, celebra este ano o seu 25 aniversario.
O Día das Letras Galegas 2025 está dedicado á figura das cantareiras, representadas en Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira Santos (Muxía), e Manuela Lema Villar, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, pertencentes ás Pandereteiras de Mens (Malpica), mais Olga Kirk, directora artística de Donaire, incide en que “é extensible a todas esas mulleres, pandereteiras que foron quen de manter e transmitir un legado que é o noso patrimonio, que nos dá identidade como pobo, como comunidade”.
Esta lírica popular, transmitida oralmente, foi un dos vehículos que a nosa lingua empregou na súa viaxe ata o presente. Pero non foi o único, xa que acompañaba ás cantigas a transmisión dos oficios tradicionais, entre os que a construción era fundamental, callados de palabras e expresións que hoxe perduran.
O Citeec, herdeiro do saber facer histórico galego en enxeñaría e edificación, e a Asociación Cultural Donaire, esencia da música e o baile tradicionais, fusionaron ambas raíces nunha homenaxe ás cantareiras, propoñendo a perspectiva insólita que proporciona a máis moderna tecnoloxía baixo o nexo común do servizo á sociedade.
Olga Kirk, directora artística de Donaire, cualifica como “incrible” esta colaboración e fai énfase no traballo e nas infraestruturas do Citeec, ademais de considerar ao equipo do centro “unhas artistas” máis alá da innovación e a investigación.
Desde a dirección do Citeec expoñen que “realizar esta colaboración nun marco tan especial como o Día das Letras e a celebración do 25 aniversario de ambas as dúas institucións foi un pequeno fito na historia do centro”. Así pois, hai que estar atentos ao Citeec e á Asociación Cultural Donaire durante os próximos días para coñecer de presto ese traballo conxunto.