Veciños de Castelo, sobre Touriñán: “A única vez que parou quieto foi cando estaba na cuna”

A aldea cullerdense ferve estes días coa celebración dun festival ideado polo actor e humorista, que medrou ao pé do Xalo
Veciños de Castelo, sobre Touriñán: “A única vez que parou quieto foi cando estaba na cuna”
Xosé Antonio Touriñán posa con Manuel Rama e Julia Ramos | QUINTANA

“Isto sempre foi o del, acórdome da primeira vez que actuou aquí, nun palco pequeniño e imitaba ao ‘abuelo’ cun sacho na man. Sempre lle levou idea e eu síntome orgulloso de ver onde chegou e do que fixo na parroquia”. Fala Manuel Rama, oriundo da aldea cullerdense de Castelo, sobre o seu veciño máis ilustre, o actor Xosé Antonio Touriñán, impulsor do festival Castelo Conta, que estes días enche de cultura e humor este lugar ao pé do monte Xalo.


Unha cita que celebra o seu décimo aniversario e para a que é imprescindible a implicación dos habitantes da zona. “Colaboramos co que podemos. Aquí sempre houbo moi boas festas: tiñamos o San Xoán, o Santiago e o San Ramón, que eran as máis fortes. Chegaron a tocar a mesma noite a Panorama e a París de Noia, e facer churrasco para máis de 1.500 persoas”, apunta Rama, quen di estar “moi contento de vivir en Castelo e poder vivir o Castelo Conta, que é unha festa diferente e moi bonita”.

 

 

 


Magdalena Reboredo comenta que ‘Touri’ “ten unha cabeza que non para”: “Non debe durmir nin unha hora, el é o que leva todo”, explica, e Rama contesta rindo: “Touriñán a única vez que pararía quieto tivo que ser cando estaba na ‘cuna’, había que preguntarlle aos pais”. Tanto eles coma outra veciña, Julia Ramos, concordan en que “gracias a el todo o mundo coñece Castelo”.


“O festival é unha marabilla. Imos ao monte, hai gastronomía, humor... Non hai outra cousa igual aquí ao redor. Nós damos o que podemos pero el pon todo da súa parte, non sería posible sen el”, engade Ramos, que recoñece que lle gustan todos os artistas que acuden a Castelo pero ten especial predilección polos monólogos de Touriñán –“que lle imos facer, é o da casa e somos fans”–.


Aínda que estes días non colle unha agulla na parroquia e Casa Rodríguez, a taberna local, abre durante todo o mes de agosto, os veciños acusan a falta de actividade durante o inverno: “Desde que pechou a taberna, que era dos ‘abuelos’ de Touri, isto está moi apagado e non temos un lugar de reunión. Pero el xa non pode facer máis”, sinala Reboredo.


Aínda queda moita festa no Castelo Conta, que remata o domingo: hoxe haberá regueifas e foliada, mañá a gala conmemorativa dos dez anos –con sorpresas e convidados especiais–, o venres o espectáculo ‘Somos criminais e punto final’, o sábado a andaina e a noite de monólogos e o domingo a romaría de San Ramón. Os veciños piden “ter ‘salud’ para poder seguir disfrutando de todo isto moito tempo”.

Veciños de Castelo, sobre Touriñán: “A única vez que parou quieto foi cando estaba na cuna”

Te puede interesar