O trío musical Tanxugueiras rende a súa persoal dedicatoria ás pandeireteiras e á poesía popular oral no Día das Letras Galegas coa reinterpretación do tema 'O Meu Amor', de Leilía, que publicaron acompañado dunha peza audiovisual.
Nun comunicado, sinalan que Leilía trátase de "unha das maiores referencias" para Tanxugueiras por ser "precursoras en normalizar e poñer o foco no uso de pandeireteiras sobre un escenario".
Tanxugueiras dedica así esta canción "a todas aquelas mulleres que gardaron nas súas gargantas o eco das letras e melodías, sementando nelas a memoria que hoxe define a agrupación".
"A peza audiovisual que acompaña a esta versión é a representación da unión entre elas tres coa música tradicional, entrelazando as súas trenzas e acomodándose unha sobre a outra para simbolizar esa comodidade e seguridade que senten ao estar acompañadas", afirman.
"O vídeo significa que hai algo que nos une entre nós as tres, que é a tradición, a música tradicional e a nosa cultura. E non hai nada máis tradicional que un 'carrapito'" -nome que se outorga a esa trenza que as une-, sinalan.
O vídeo, obra de Trece Amarelo, foi rodado en ExpoCoruña, espazo que colaborou para a gravación desta peza audiovisual.
A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica).