A Igrexa ortodoxa dá unha misa en galego por primeira vez na súa historia

A Igrexa ortodoxa dá unha misa en galego por primeira vez na súa historia
O pai Dámaso, onte, na parroquia San Juan Crisóstomo da praza Luis Seoane | Patricia G. Fraga

Se algo ten o Día das Letras Galegas é, sen dúbida, o seu poder para que toda a comunidade galega aporte o seu pequeno gran de area a favor da cultura, das raíces e, por suposto, da lingua. Iso foi o que pensou o pai Dámaso como homenaxe neste 17 de maio. E por primeira vez en máis de dous mil anos de historia, a Igrexa ortodoxa dará unha misa completamente en galego.


Acontecerá a partir das 10.00 horas de mañá, na parroquia de San Juan Crisóstomo, un templo ortodoxo de máis de dúas décadas de historia e referencia en Galicia. O rector e sacerdote da parroquia ubicada na praza Luis Seoane de A Coruña é o pai Dámaso, pertencente ao patriarcado de Serbia e fundador do templo na comunidade galega. “Cando me ordenei –hai uns 25 anos– decidimos abrir a igrexa, sendo a primeira estable de Galicia”, explica o sacerdote natural de Coristanco.


Hoxe en día, é toda unha institución a nivel autonómico e acolle, semanalmente, unha gran cantidade de xente que provén de diferentes países ortodoxos de Europa. “Nas nosas misas temos xente de ata seis ou sete países diferentes. Iso é o que nos fai ser unha parroquia de referencia en Galicia. No noso caso, temos unha particulariedade: retransmitimos a misa no noso canal de YouTube os domingos de 10.00 a 12.00 horas. Temos na páxina unha audiencia de máis de mil persoas cada domingo. Para nós é unha sorpresa”, indica o pai Dámaso.

 

 

Máis dunha centena


Ademais, na parroquia teñen inscritas a 115 persoas, aínda que vén moita xente doutras partes de Galicia constantemente. “Na misa temos cada domingo unhas 40 persoas de media”, asegura o pai Dámaso.


Aínda así, as persoas inscritas na parroquia e as que acuden á igrexa cada domingo non son as únicas que visitan o templo ortodoxo coruñés. A verdade é que “moita xente procedente de países ortodoxos que vén de paso ou de vacacións cae na nosa igrexa porque é única”.

 

“Retransmitimos a misa por YouTube e temos unha audiencia de máis de mil persoas cada domingo”, apunta o pai Dámaso


Outra particulariedade que ten o edificio da praza Luis Seoane é que, aínda que normalmente celebran a misa en español, hai unha serie de partes que se fan en catro ou cinco idiomas diferentes, coincidindo así coas linguas dos fieis. “Hai un concepto equivocado de que a Igrexa ortodoxa está dividida. Non o está. Está composta por nove patriarcados e 17 igrexas autónomas e independientes, todas en comunión. Calquer ortodoxo pode ir á igrexa que queira, sen ningún tipo de diferenciación. Nós pertencemos ao patriarcado de Serbia porque é moi amplo e é o único que ten sacerdotes rumanos e rusos”, as nacionalidades maioritarias dos fieis.

 

 

Orixe


A celebración da liturxia procede do século IV. Como diferenciación coa Igrexa católica romana, “a duración é de hora e media para os fieis e de dúas horas longas para os sacerdotes, porque ten unha preparación previa e unha especie de despedida. Nós habitualmente só celebramos a divina liturxia os domingos. Entre semana hai outros rituais pero non é unha misa como tal. O único diferente que ten a misa é o ritual, a parte teolóxica non cambia nada”, expresa o sacerdote.


Aínda que a gran diferenciación se atopa nas celebracións. A Igrexa ortodoxa ten doce festas. En primeiro lugar, a festa de Nadal, pero que neste caso se celebra o 7 de xaneiro, guiándose polo calendario vello. Así, tamén teñen as cuaresmas de Nadal e de Semana Santa, aínda que o curioso é que “no noso caso o que coñecemos como xaxún non é privarse de comer, senón privarse de comidas. É soamente inxerir productos que proveñen da natureza”.


Non obstante, que a misa de mañá sexa completa en galego é toda unha boa nova. “Nós levamos máis dun ano traducindo os textos ao galego, acudindo a lingüistas galegos e, posteriormente, pedimos a bendición do obispo. Pensabamos que era interesante facer esto no Día das Letras Galegas”, indica. A partir da misa, o galego comezará a ser máis recurrente en varias oracións da liturxia dominical da igrexa, “aínda que nós acollemos a bastante xente que xa fixo un gran esforzo para adaptarse ao castelán, así que imos a respetalo”, conclúe o pai Dámaso. 

A Igrexa ortodoxa dá unha misa en galego por primeira vez na súa historia

Te puede interesar