A Coruña rende homenaxe ás cantareiras cunha lembranza eterna

O Concello colocará tres placas en lembranza das Pandereteiras de Mens, Rosa Casás e Eva Castiñeira
A Coruña rende homenaxe ás cantareiras cunha lembranza eterna
García, Rey, Alvite e García Casas coas placas conmemorativas, xunto a María Pita | Javier Alborés

“A carón de María Pita, unha muller forte e brava”, reuniuse este venres corporación municipal; a subdelegada do Goberno, María Rivas; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, e familiares das sete mulleres homenaxeadas este ano polo Día das Letras Galegas: Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García, Prudencia Garrido e Asunción Garrido. O motivo da reunión era iniciar os actos oficiais do Concello da Coruña polo Día das Letras, cun emotivo acto de entrega ás familias das tres placas que María Pita ubicará en tres lugares coruñeses relacionados coas homenaxeadas.
 

Unha delas, explicaba a alcaldesa, ubicarase no número 2 da propia praza de María Pita, lugar onde ensaiaron as Pandereteiras de Mens, das que formaban parte algunhas das homenaxeadas. Outra, no camposanto de San Pedro de Visma, onde xace a cantareira Eva Castiñeira. A derradeira situarase na rúa do Alcalde Lens, no edificio no que viviu Rosa Casás, outra das cantareiras homenaxeadas. 

 

Homenaxe

“Reunímonos para rendir homenaxe a sete mulleres, todas elas vencelladas, dun xeito ou outro, á cidade da Coruña e todas elas parte importante da nosa historia”, abría o acto a alcaldesa, Inés Rey, quen engadía: “Desde o Concello celebramos que sete mulleres tomen o relevo doutra gran muller, Luísa Villalta”.
 

No acto partiparon familiares dalgunhas homenaxeadas. É o caso de Carlos García Casás, neto de Adolfina Casás. “Recibiron o canto das súas antecesoras e elas conservábano, engrandecíano e tranmitíano”, indicaba García, que destacaba que estas cantareiras cantaban “nas celebracións e nas foliadas, pero tamén para suavizar as penas e para non escoitar a voz da fame”.
 

Sucedeuno no micrófono José Alvite, un dos fillos de Eva Castiñeira. Foi el quen eloxiou o recoñecemento que se lles da hoxe en día a estas pioneiras: “Hai moitos grupos musicais que poñen a música da miña nai, agora recoñecen o traballo que é letra de Eva Castiñeira, que até agora non se poñía nada”.


Por último, tomou a palabra Isabel García, presidenta da agrupación Auturuxo, quen nun momento do acto quixo mostrar ao público unha das pandeiretas orixinais das Pandereteiras de Mens. “Nós tivemos a sorte de coincidir con elas aquí, nesta praza, no noso local, onde se coceu todo. Viñeron de Mens para ensinarnos os seus bailes e o seu xeito de cantar”.

 

Actividades na cidade

Pero A Coruña volcouse coa celebración alén do acto institucional celebrado na praza de María Pita.
 

As actividades esparexéronse por diferentes recunchos da cidade. Foi o caso dos cabezudos que atraeron as miradas dos máis pequenos durante o pasarrúas que partiu da praza de Lugo. Houbo tamén propostas teatrais en San Andrés, música no Colón con Treixadura e tamén nos xardíns de Méndez Núñez, cunha foliada con oito asociacións culturais da cidade.


E a actividade continuará este sábado con máis propostas repartidas pola urbe, como a actuación de Pulpiño Viascón na praza de José Sellier (13.00 horas), as actuacións musicais de Son D’aquí e Xacarandaina en Méndez Núñez ou o concerto de Zavala, Atalaias de Caión, Ulex e Ortiga na praza de España (21.00 horas), entre outras.

 

Arte para celebrar

Non quixo perder as celebracións nin Xerión, o movemento artístico que planta as súas caveiras por toda a cidade, en diferentes formatos.


O recoñecido ‘pixel-art’ sumou para a ocasión unha pandeireta, e varias copias penduran agora ás portas de entidades como a Asociación Cultural Donaire, en Son D’Aquí, na agrupación Aturuxo, en Cántigas da Terra e no local de Xacarandaina.

A Coruña rende homenaxe ás cantareiras cunha lembranza eterna

Te puede interesar