Xerión vai de foliada pola Coruña

Este movemento artístico plantou as súas pandeiretas ás portas das asociacións culturais tradicionais da cidade

As Letras Galegas homenaxean este sábado, 17 de maio, as cantareiras que permitiron salvar parte da cultura tradicional de Galicia e converterse en informantes para chegar ata este século XXI nun momento de absoluto esplendor do movemento 'tradi'. Cal un novo Rexurdimento, as foliadas volven á orde do día e un elemento tan coruñés como o Xerión non podía ficar á parte.

 

Este movemento artístico anónimo que leva as caveiras da bandeira coruñesa polas súas rúas a modo de pixel-art recolle nestas Letras Galegas a pandeireta e percorre as asociacións culturais da cidade colocando a súa imaxe nas súas sedes.

 

 

 

Así, dende este xoves xa se pode ver a Xerión como tocador de pandeireta ás portas da Asociación Cultural Donaire, en Son d'aquí, na agrupación Aturuxo, en Cántigas da Terra ou en Xacarandaina, todas elas entidades que dende os barrios están a levar o son e o baile galegos pola cidade e tamén lonxe das fronteiras da Pasaxe. 

 

Precisamente estas asociacións serán tamén algunhas das protagonistas do programa municipal co que A Coruña celebra dende este mesmo venres, e durante toda a fin de semana, o Día das Letras Galegas.

 

O programa o venres comeza con propostas como ‘Máis Saaabor!' (ás 18.00 horas na praza do Humor), unha espadana tradicional con cabezudos (un pasarrúas que partirá ás 18.00 da praza de Lugo até a de José Sellier), a obra ‘Muiñada’ (ás 19.30 horas na praza de San Andrés), un concerto de Treixadura (no Colón, ás 21.00 horas) e cunha foliada coa presenza de asociacións como Cántigas da Terra, Aturuxo, Xacarandaina, Maghúa, Son D’aquí, Espadana e Contiños da Feira (nos xardíns de Méndez Núñez ás 22.30 horas).
 

O 17, o propio Día das Letras, a actividade comezará ás 12.30 horas na praza de Azcárraga e na do Humor, coas actuacións de Pava e Cro-Cró na primeira e de Lydia Botana na segunda, que presentará ‘A feira das linguas’. Media hora máis tarde, na praza de José Sellier, será a quenda de Pulpiño Viascón.
 

Á tarde, Son D’aquí e Xacarandaina esparexerán a música tradicional e o baile nos xardíns de Méndez Núñez (17.30 horas), mentres que Caxoto levará os seus contos ao Humor (18.00 horas) e o dúo Vaguedades actuará na praza de San Andrés (19.30 horas). A xornada acabará coa música de Zavala, Ulex, Atalaias de Caión e Ortiga na praza de España (a hora de comezo serán neste caso as 21.00).
 

O domingo acabará a celebración desta ‘Festa das Letras’ con Cris Regueiro e Uno Vello, en Azcárraga, e Breo e Carabela, na praza de España (12.00 horas). A Banda Municipal dará un concerto especial no Colón (12.15 horas) con Pedro Lamas e Lilaina. Pablo Díaz ofrecerá as súas melodías na praza do Humor (12.30 horas), namentres a charanga Bicoia amenizará as rúas entre José Sellier e Cormelana (13.00). 
 

Á tarde, Cántigas da Terra e Donaire volverán a levar a música e o baile a Méndez Núñez (17.30 horas), mentres en San Andrés Atenea García e Vero Rilo presentan ‘Bailen as vellas os contos das cereixas’ (18.00). O Rosalía será o escenario da gala do 70 aniversario de Aturuxo (19.00), mentres a praza de España canta con Belém Tajes e Eris Mackenzie (19.00).

Xerión vai de foliada pola Coruña

Te puede interesar