Un virus nas finanzas dos concellos

A análise polo miúdo das contas municipais do 2020 permite poñer cifras concretas ao que xa se intúa de modo abstracto: a pandemia está xa a pasar factura nos balances municipais. O resumo do problema é sinxelo: máis gastos para facer fronte aos efectos da covid-19, e menos ingresos polas limitacións da actividade económica. A constatación deste feito debe movernos a unha fonda reflexión sobre o feito até agora e sobre o que queda por facer. Moitos concellos representaron durante o 2020 un papel que non lles correspondía, asumindo competencias impropias pola incomparecencia da Xunta no social e no económico. Fixérono acudindo aos seus remanentes e a partidas que tiñan outros fins. É dicir, afrontaron os problemas do presente detraendo fondos para servizos e investimentos futuros. A situación de excepcionalidade 2020 non mudou no 2021, o que si mudou foi o músculo financeiro dos municipios.


A diferenza do que aconteceu coa crise do 2008, o Goberno do Estado decidiu agora mobilizar todos os recursos para atallar unha nova crise económica. Os miles de millóns de euros investidos no pago dos ERTES dan conta dese cambio de actitude. Pero non so iso. Prevendo a complexidade do 2021, o Goberno de España reforzou tamén os fondos autonómicos para que todas as comunidades contaran cun financiamento extraordinario co que plantar cara aos retos da pandemia. Lonxe de padecer unha diminución de ingresos, a Xunta ten no 2021 o maior orzamento da súa historia grazas aos 1.500 millóns de euros extraordinarios procedentes do Estado.


Na actual situación os concellos xa non poden facer no 21 o que fixeron no 20. A Administración con recursos para atallar o que vén é a Xunta. É hora de que o Goberno galego mobilice os fondos extraordinarios recibidos. Os pagos e axudas executados até o momento representan tan só unha parte mínima deses fondos extraordinarios. Sectores como o turismo, o comercio e a hostalaría precisan accións contundentes para repuntar, como tamén precísanse máis recursos no social para evitar que a pandemia acabe por ensanchar a fenda até facela insuperable para moitos.


Entendo que para a Administración autonómica non é sinxelo chegar a todas partes e facelo coa máxima efectividade. A Xunta carece dos recursos humanos precisos para coñecer en detalle as necesidades do territorio. Os que teñen ese coñecemento son os concellos. É hora de que o Goberno galego renuncie a vivir á marxe dos concellos, é hora de que transfira recursos para actuar a nivel municipal cunha precisión da que a Xunta é incapaz. A ecuación é sinxela: as autonomías teñen as competencias e os fondos para facer fronte á pandemia, os concellos non teñen competencias, mais si a infraestrutura e o coñecemento do territorio. Se realmente a Xunta quere solucionar os problemas que se aveciñan, ten nos concellos a ferramenta perfecta. Estamos agardando pola súa chamada. 

Un virus nas finanzas dos concellos

Te puede interesar