Xosé Ramón Barreiro, intelectual e patriota

Teño para mín que amplos sectores da nosa Galicia aínda non avaliaron a modo o que supón o moi recente pasamento do seu fillo Xosé Ramón Barreiro (1936-2021). Porque persoas desta caste non xurden a eito nun pequeno País coma éste noso.


Barreiro construiu a historiografía política da Galicia contemporánea e fixo xurdir, canda o profesor Ramón Villares, as dúas potentísimas escolas de Historia Contemporánea da USC, que xerarían grandes historiadores galegos de hoxendía, como os profesores Fernández Prieto e Núñez Seixas.


X.R. Barreiro, como adoita dicir precisamente o profesor Fernández Prieto, contribuiu construir científicamente o relato da Nación galega, conectando a xeración de Antolín Faraldo e dos mozos protogaleguistas da revolución de 1846 co labor de tecelán do grande Murguía e, ao seu través, dende 1916, coas Irmandades da Fala e logo despois co Partido Galeguista. Contou, entón, o noso Barreiro a evolución da tese democrática, que deseñou o galeguismo liberal e social de Murguía. Barreiro relatou con autoridade científica como o pulo democrático dos mártires (e tamén dos intelectuais que os animaban) de Carral (1846) constitúen o facho que se lles traslada, dende o banquete de Conxo de 1856 á xeración de Murguía para construiren o galeguismo democrático. Ademáis, Barreiro trasládanos a imaxe dun Murguía construtor do relato nacional, só comparábel con Castelao no éxito cidadá da proxección popular deste relato.


Barreiro comprometeuse coa galeguización e modernización da Universidade galega, dende o seu temperá uso do galego nas aulas até o exercicio do seu Decanato na Facultade de Xeografía de Historia da Praza de Cervantes (1982-1986) e dunha Vicereitoría da USC canda a Reitoría de Ramón Villares (1990-91), colaborando outravolta ambos os dous catedráticos galeguistas con bo suceso naquelas tarefas de gobernanza universitaria.


No 1986 escribiu Barreiro unha Historia da Cidade da Coruña que deu comezo a unha etapa máis alicerzada na súa residencia coruñesa. Nesta andaina sucedeu a D. Paco Fernández del Riego na presidencia da RAG (2001-2010), potenciando e desenvolvendo o ronsel do mariñao na recuperación dunha RAG que Domingo García Sabell agachara nos faiados da coruñesa rúa Tabernas. No decurso desta andaina fixo parte do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses vencellando de vez a historia da Coruña coa de Galicia e esfarelando certas aproximacións a unha historia da Coruña como cidade castelá na Galicia que algúns- moi poucos historiadores- quixeron desenvolver na época de Paco Vázquez cun certo apoio dalgún voceiro mediático coruñés.


Xosé Ramón Barreiro foi un intelectual comprometido. É dicir, un científico vencellado aos ideais da democracia e da ciudadanía. E, foi, tamén, un patriota galego que nos amosou unha historia política contemporánea que nos fixo-e mantén- Nación.

Xosé Ramón Barreiro, intelectual e patriota

Te puede interesar