De ruidos e flores

|

E de súpeto asomou a primavera. Sen estridencias. Un pouco máis de luz e dende máis cedo, e outros sinais minúsculos que reunidos, fixeron encher de miles de flores brancas ás ameixeiras. Un estoupido de cor e de luz que non borra o ruído que acompaña, de xeito interesado, o devalar político dos días e das horas. Hai interese en confundir e destacar os aspectos negativos, minimizando o valor do superado. A prohibición das manifestacións polo 8M en Madrid son resultado dos datos dunha Comunidade que vive permanentemente enriba dun polvorín.


Se alguén está na loita feminista, forma parte de todos os avances e participou nas loitas de visibilización e obtención política de dereitos para a igualdade da Muller, ese é o PSOE. Sen dúbida algunha ten garantida a credibilidade neste tema. A conveniencia de salvagarda da saúde recomenda estas medidas. Iso tamén reza para calquera outra actividade de reunión ou manifestación que se solicite nesa Comunidade. Non está o forno para bolos. As estratexias ante a chegada da Semana Santa e das súas vacacións, centran as loitas. A mobilidade non pode ser a calquera prezo. O das infantas, xa se sabe, seguen pensando que están feitas doutra pasta, e que teñen dereitos engadidos. Pero non son familia real. Polo tanto, nada que achacar a Felipe VI.


Segue o ruído en diversos formatos e, mentres tanto, o Comisario Villarejo sae do cárcere por unha inexplicable imposibilidade de realización de xuízo antes do mes de Novembro. Urdangarín retorna a Vitoria co terceiro grao, e Bárcenas empeza novamente, a falar dos millóns de euros da caixa B do PP. O eterno retorno, xa saben, ese pasado que sempre volve pero nunca cambia.


De repente deixamos de falar de nós mesmos -dixo El- e o espazo encheuse de cousas prescindibles. A nostalxia son recendos dun café, dunha terraza, dunha tarde, de ti...

De ruidos e flores