‘Inflación’, ‘autoestima’, ‘comadre’ ou ‘ecocidio’ optan a ser Palabra do Ano 2022

‘Inflación’, ‘autoestima’, ‘comadre’ ou ‘ecocidio’ optan a ser Palabra do Ano 2022
A saúde mental toma relevancia nesta iniciativa da RAG e a Fundación Barrié

‘Autoestima’, ‘candorca’, ‘comadre’, ‘ecocidio’, ‘inflación’ e ‘resiliencia’ optan a converterse na Palabra do Ano 2022. Estas foron o seis palabras elixidas despois da fase de recollida de suxestiones da iniciativa promovida pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié.


Desde este martes e até as 23.59 horas do próximo 25 de decembro o público poderá votar pola súa opción favorita a través da web do Portal das Palabras (www.portaldaspalabras.gal).


Para a RAG, a Palabra do Ano significa unha maneira de “resumir os últimos tempos”, de sintetizar “como se viviron”, ou unha maneira de “redimirse do que se quere deixar atrás” así como de “achegarse ao que se desexa”.


Deste xeito, explicou que, entre outros temas de interese público, neste 2022 “a pegada psicolóxica da pandemia propiciou que crecese a conversación política e social sobre a necesidade de prestarlle á saúde mental a atención que merece”.


Así, sobre ela, sinalou, os medios “pasaron a falar a diario de conceptos como o da ‘autoestima’, a calidade da persona que se valora a si mesma positivamente e que, consecuentemente, xéralle confianza no que di ou fai”.


Así mesmo, ‘resiliencia’, que xa fora finalista en 2021, é a “capacidade de adaptación e recuperación fronte a unha situación adversa”, polo que a RAG asocia esta palabra “ao incremento da consciencia sobre a importancia do coidado da saúde mental”.


Con todo, este ano no que se empezou a deixar atrás as consecuencias da pandemia, ‘resiliencia’ “lembra sobre todo á fortaleza demostrada polo pobo ucraíno desde o comezo da guerra”.


Ademais, a preocupación polo futuro ambiental do planeta foi outra realidade que se manifestou “en moitas suxestións”, como o sintagma ‘emerxencia climática’ ou o neoloxismo ‘ecocidio’, que fai referencia “ao exterminio deliberado dun ecosistema”. Esta voz xa fora finalista en 2019.

 

Feminismo e economía

Por outra banda, a perspectiva de xénero tamén repite presenza nesta final coa palabra ‘comadre’, “unha voz popular para falar de sororidade”. 


Agora, con ‘comadre’, máis aló de indicar parentesco, “tamén é frecuente empregar esta palabra para referirse á veciña e á amiga e evocar as relacións de apoio entre as mulleres”, destacou a RAG.


Así mesmo, o escenario económico mundial tamén deixa marca nesta final a través do vocábulo ‘inflación’, isto é, “a situación ou fenómeno que consiste nunha subida xeneralizada e continua dos prezos provocada xeralmente polo aumento excesivo de capital e da moeda en circulación”.


Nesta final tamén chegou este ano a palabra ‘candorca’, despois dos cada vez máis frecuentes avistamentos de cetáceos preto da costa e os “inesperados encontros” dalgúns deles con embarcacións de recreo. 

‘Inflación’, ‘autoestima’, ‘comadre’ ou ‘ecocidio’ optan a ser Palabra do Ano 2022

Te puede interesar