O maior incendio deste verán en Galicia, o que se iniciou no municipio ourensán de Vilardevós o pasado venres, quedou extinguido este venres á mañá, unha semana despois, tras afectar a 578,7 hectáreas, mentres que ao peche desta edición continuaban activo sen estabilizar na comunidade un lume da Fonsagrada, en Lugo e outros dous en Ourense, concretamente en Chandrexa de Queixa e Rairiz de Veiga, e outros sete quedaron controlados.
Segundo a información da Consellería do Medio Rural, o incendio de Vilardevós, na parroquia de Terroso, deuse por extinguido ás 12.24 horas deste venres, e queimou un total de 59,08 hectáreas de monte arborizado e 519,62 de monte raso.
Por este incendio foi necesario –ata o domingo pola noite– declarar o nivel 2 de emerxencia debido á súa proximidade a núcleos de poboación e a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME), á parte de mobilizar a un total de doce técnicos, 69 axentes, 98 brigadas, 64 motobombas, tres unidades técnicas de apoio, seis pas, doce helicópteros e doce avións, o que mostra a magnitude do lume.
Tamén na provincia de Ourense un incendio se atopaba activo na tarde deste venres no municipio de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que calcinou ata o momento máis de 20 hectáreas.
Segundo Medio Rural, o lume en Chandrexa declarouse ás 15.51 horas deste venres. Nel traballaban os seguintes medios: seis aviones, cinco helicópteros, cinco motobombas, oito brigadas, seis axentes, dúas unidades técnicas de apio e dous técnicos.
Tamén estaba activo un lume no municipio de Rairiz de Veiga, na parroquia de Guillamil, desde las 16.39 horas no que participaban dous avións e dous helicópteros, entre outros. Aínda non había estimación de superficie.
En Lugo permanecía activo un incendio na Fonsagrada, o da parroquia de Monteseiro, con 120 hectáreas queimadas, mentres que o resto dos lumes de máis de 20 hectáreas contra os que se seguía loitando en Galicia estaban xa controlados.
O de Monteseiro iniciouse ás 15.30 horas do pasado martes e para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, seis técnicos, 37 axentes, 47 brigadas, 51 motobombas, tres pas, sete helicópteros e oito avións.
No mesmo municipio lucense, estaba controlado desde as 21.30 do xoves o que afectaba a Cereixido, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta ao redor de 20 hectáreas.
Na provincia de Pontevedra, seguían controlados os dous incendios polo que foi necesario declarar a situación 2 de emerxencia, tanto o de As Neves, na parroquia de San Pedro de Batalláns, de máis de 50 hectáreas, como o de Salceda de Caselas-A Picoña, con 80 hectáreas queimadas.
A Consellería do Medio Rural lembrou que o número de teléfono gratuíto 085 está ao dispor da cidadanía para advertir de calquera lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento, o 900 815 085.