Paderne di ‘abonda’ e impón restricións polo “alarmante” consumo de auga en xullo

Ata nova orde, queda prohibido o rego, o lavado de coches e o enchido de piscinas
Paderne di ‘abonda’ e impón restricións polo “alarmante” consumo de auga en xullo
Depósito de auga de Paderne

Paderne prohibe as accións  domésticas que repercutan nun excesivo consumo de auga ante a detección dun elevado caudal no mes de xullo, informaron desde o Goberno de Sergio Platas. 


“Cos datos extraídos durante o pasado mes concluímos que non se corresponde coas necesidades básicas dos fogares, polo que nos vemos na obriga de prohibir rego, lavado de coches ou encher as piscinas”, advirte o alcalde,  quen incide na necesidade de adoptar medidas para evitar situacións como as de 2022. Entón, o veciño concello de Miño tivo que saír ao rescate de Paderne.  


Daquela, o municipio decretou un corte de suministro de 32 horas como consecuencia do excesivo consumo, que baleirou os depósitos e obrigou a solicitar cisternas a Miño. 


Así, ante o aviso de elevadas temperaturas que se agardan para esta semana, e polo ben común,  “cómpre lembrar á cidadanía que non se debe malgastar un ben tan prezado como a auga, ou verémonos na obriga de emprender medidas máis drásticas que unha mera prohibición”, alertaron tamén desde Paderne.


Con todo, tendo en conta que moitos se abastecen de pozos particulares ou dispoñen de sistemas de traída mancomunados, apenas lles afecta esta orde municipal, ou faino en menor medida que noutros concellos, ao contar con alternativas.

 

Acordo co BNG

Noutra orde de cousas, o BNG vén de pechar un acordo co PSOE para desbloquear a aprobación das contas municipais despois de manter varias reunións cos responsables socialistas de Paderne, encabezados por Platas. 


Para o voceiro nacionalista, Manel Pérez, as modificacións que conseguiron introducir na proposta de orzamento “supoñen un gran impulso a nivel cualitativo para a veciñanza de Paderne”.


Entre os principais obxectivos marcados polos nacionalistas destacan a posta en marcha de axudas ao estudo para o curso 2025-26, “inexistentes até o momento e que permitirán ás familias solicitar bolsas para transporte, material escolar e comedor” e, nunha liña similar,   “asociacións culturais, deportivas e medioambientais poderán acceder a subvencións para o desenvolvemento das súas actividades en Paderne”. 


“Isto –engadiron– supón tanto un impulso como un balón de osíxeno nun contexto de prezos a alza”, continuou Pérez.


No ámbito dos investimentos, o acordo recolle dous proxectos estratéxicos: a creación dunha comunidade enerxética e a ampliación do saneamento municipal mediante filtros biolóxicos que, en ambos casos, “comezarán cun estudo de viabilidade, mais desde o BNG estamos convencidas de que o cocelllo reúne as condicións necesarias para a súa implantación en Paderne”.


Outras condicións para que os orzamentos municipais de 2025 puidesen contar co “si” do BNG foron rematar a renovación da web municipal, elaborar un censo de vivenda baleira e impulsar a creación da Mesa da Ría de Betanzos. “O noso apoio non é un cheque en branco (...) imos facer un seguimento rigoroso do seu cumprimento”, sinalou Pérez.

Paderne di ‘abonda’ e impón restricións polo “alarmante” consumo de auga en xullo

Te puede interesar