O casco histórico da cidade converteuse onte no epicentro da emoción e do orgullo coincidindo coa intervención de Óscar Gilsanz para inaugurar as Festas de San Roque. O exadestrador do Deportivo da Coruña, visiblemente emocionado, abriu o seu discurso cun saúdo institucional e un agradecemento especial pola oportunidade de ser a voz que inaugura as celebracións da cidade na que naceu hai 52 anos: “Nacín no millor lugar do mundo, e rodeado da millor xente do mundo”, pregoou Gilsanz.
Así, con sentimento, iniciou un relato que, máis que unha enumeración de acordanzas, resultou unha declaración de amor a Betanzos contestada cunha ovación polos asistentes ao acto, que tamén aplaudieron o nomeamento de Hugo Suárez Blanco como representante do San Roque 2025. Desde a casa consistorial, o orador evocou unha infancia de xogos na rúa, amizade entre veciños e aventuras diarias polo casco histórico camiño da escola de San Francisco. Un discurso cun fío condutor: o deporte e, en particular, o fútbol, no que recordou O Norte, “onde son o fillo de Maribel e Mariano, o do Gilsanz”; a praza da Constitución, “onde vivían os meus padriños, Pepe e Lourdes (...) e aprendín a disfrutar das nosas tradicións”; a García Irmáns, “o mellor estadio de fútbol (futbito neste caso) que podía haber”, e O Carregal, “onde atopei a paixón da miña vida” e onde se detivo para insistir en que a súa traxectoria, tanto vital como deportiva, “non sería a mesma sen o Betanzos CF, antes Brigantium”.
Neste apartado incidiu en que, por segundo ano consecutivo, o deporte betanceiro é protagonista do pregón –Gilsanz tomou o relevo de Carlos Arévalo– e reclamou ás administracións un maior apoio ao deporte como motor de “saúde, xuventude e valores”, en Betanzos e en toda Galicia.
O momento máis vibrante chegou coa evocación da familia e os amigos, “que estiveron acompañándome en cada paso da miña carreira, dende O Carregal ata Riazor”, e das citas máis especiais do San Roque. Desde a mañá do 14 de agosto, os reencontros, a noite do ‘garelazo’ e, sobre todo, o Globo de Betanzos, que cumpre 150 anos e do que trazou ao detalle a tensión previa, o inchado, o lento ascenso e a mestura de abrazos, bágoas e ledicia que acompañan o ritual: “O espectáculo é admirable dende medio mundo pero para nós, os betanceiros, é moito máis (...) os ollos chorosos demostran que é puro sentimento”, rematou Gilsanz.
Tampouco olvidou Os Caneiros, onde “a mestura da festa e da tradición alzanzan a súa máxima expresión”, onde “recordamos emocionados a quen deixa o banco vacío” e onde se revive “unha das imaxes máis fermosas: a fusión da noite e o río na chegada á Ponte Vella nese descenso único polo Mandeo”. Así, cun “Viva Betanzos! e Viva San Roque!”, coa voz dun betanceiro orgulloso e coas rúas xa cheas de ambiente, a cidade abriu oficialmente unhas Festas de San Roque que, sendo varias veces centenarias, mesturan historia, sentimento e convivencia e que “ademáis do pracer de disfrutalas, temos o privilexio de sentilas”, sentenciou Gilsanz.
A cidade honra hoxe a súa copatroa, Nosa Señora de Belén, cunha misa en Santa María do Azougue (19.30); o nomeamento da representante e o pregón infantís (18.30) e a verbena a cargo da orquestra Panorama (23.00).