A lembranza de Mariano Tudela para sacar do esquecemento aos seus artistas coetáneos

A profesora da Universidade da Coruña Olivia Carmen Rodríguez pronunciou en María Pita o seu discurso de ingreso no Instituto Cornide, centrado na figura do seu pai e dos creadores do grupo Atlántida
A lembranza de Mariano Tudela para sacar do esquecemento aos seus artistas coetáneos
Olivia Carmen Rodríguez ingresou onte no Instituto de Estudios Coruñeses José Cornide | Javier Alborés

Vivir nun mundo cunha actualidade fugaz fai que ás veces esquezamos o noso propio pasado. Para combater isto existen entidades como o Instituto de Estudios Coruñeses José Cornide e figuras como a de Olivia Carmen Rodríguez González, que onte ingresou na institución.
 

O discurso de Rodríguez, ‘Mariano Tudela (1925-2001) e a súa xeración’, versou sobre a figura do seu pai, Mariano Tudela, e dos artistas cos que compartiu tempo e colaboracións, principalmente nos anos 40 e 50. “Merecen estar nas historias da literatura e da arte”, comenta a docente, que cuestionada sobre se dá pena que se esquezan estas figuras, resposta rápido cun sorriso: “Máis ben damos pena nós, se o pensas ben, porque coincide con este menosprezo da memoria, en todos os sentidos”.
 

O discurso, respostado por Felipe Senén, abordou a través de Tudela á xeración do grupo Atlántida, que levaba o nome “do título da revista que publicaron”. Unha revista que, lembra Rodríguez, dirixiron Tudela e Urbano Lugrís, “aínda que non había créditos”. A revista era oficial, é dicir, estaba controlada, pero, aínda así, “tiveron bastante liberdade para publicar, facían a revista con algo de control, pero facían bastantes cousas pola súa conta”.
 

Tamén lembrou outras das “actividades importantes” do grupo como o periodo no que dirixiron a Asociación Cultural Iberoamericana, “unha especie de sucursal do Instituto de Cultura Hispánica, que era parte da política cultural do réxime”. 
 

“Eu céntrome na figura de Mariano Tudela, son filla del, pero nunca me dediquei a profundizar e estudalo a fondo, precisamente por iso, por ser meu pai, tiña certo pudor mal entendido”, explica Rodríguez.

 

DSC 0990 19511418
Un momento do acto de ingreso celebrado no pazo de María Pita | Javier Alborés


 

Xa abordara anteriormente a figura ou traballos de artistas vencellados á carreira do seu pai, citando a persoeiros como o mentado Lugrís, como Camilo José Cela ou dos pasos pola Coruña de Cunqueiro
 

“Decidín centrarme en Mariano Tudela, porque quería recuperar a súa figura, é unha figura moi esquecida, e moitos nomes dos que cito tamén”, subliña a docente, que lembra que eran “nomes que estaban facendo cultura, prensa, radio e, sobre todo, pintando”. Casualmente, esta semana inaugurarase unha exposición no Kiosko Alfonso sobre o traballo de Gerardo Porto, “que formaba parte deste grupo”. 


É unha maneira de ir recuperando do esquecemento a nosa historia cultural. O Instituto creouse, precisamente, para iso”. “Estes artistas, estes escritores teñen unha característica común: a diáspora. Moitos coma meu pai marcharon a Madrid porque era alí onde tiñan traballo”. 

A lembranza de Mariano Tudela para sacar do esquecemento aos seus artistas coetáneos

Te puede interesar