Calacán: un acto de rebeldía literaria con éxito desde o minuto un

A nova editorial galega xa esgotou a primeira edición do libro co que se estrenou: 'A dama de Anboto', de Rober Cagiao
Calacán: un acto de rebeldía literaria con éxito desde o minuto un
Iago Fandiño e Rober Cagiao, na presentación de Calacán | Quintana

Galicia ten un novo proxecto editorial: Calacán. Esta mañá na Coruña, Iago Fandiño desvelou públicamente o novo proxecto, que busca abrir a porta a xéneros e formatos que habitualmente teñen menos espazo en galego. E o primeiro proxecto da editorial xa é un éxito: a publicación de 'A dama de Anboto', de Rober Cagiao, esgotou a súa primeira edición nos primeiros días á venda.

 

"É un acto de rebeldía", explica Fandiño, acompañado do propio Cagiao. A súa intención é "xogar cos formatos" e o primeiro gran plan de Calacán será nese senso: a publicación dunha colección de libros de peto, de xéneros menos habituais en galego como a fantasía, a novela romántica ou a histórica. "Imos probar se vale a pena, que sabemos que vale a pena", asegura Fandiño.

 

A intención da nova editorial galega pasa tamén por intentar facer unha colección de obras poéticas, acompañadas dunha rede de recitais. Ademais, Fandiño indica que "estamos empezando conversas" para tratar de publicar manga en galego

 

E para ver nacer un proxecto como Calacán, qué mellor que tirar de simbolismo. Por este motivo, escolleron para a estrea o local da antiga Librería Lume. Por unha banda, pola carga simbólica, xa que o propio Fandiño traballara nela. Pola outra, por "xogar con esa idea da recuperación", en referencia a un local que leva pechado dende que Lume baixou a verxa o ano pasado.

 

Cagiao incidiu na idea da importancia de publicar no noso idioma. "Hai que dar para que o idioma siga vivo", apunta o autor miñense, que desde a súa anterior novela, 'Entroido', comezou o seu plan de publicar os seus libros tanto en galego como en castelán.

 

Proximamente, a editorial estrenará a súa páxina web, aínda que indican que en redes sociais irán actualizando do estado dos seus proxectos.

Calacán: un acto de rebeldía literaria con éxito desde o minuto un

Te puede interesar