Coa seguridade de quen xoga en campo propio, os membros de Luar na Lubre, capitaneados por Bieito Romero, afrontan esta noite (22.30 horas) un concerto especial. Serao para os coruñeses, que vivirán unha das principais actuacións do festival Noroeste, pero tamén para a banda, para quen é “un luxo” tocar aquí.
É especial para vostedes tocar na Coruña, a cidade que os viu crecer?
Sempre é fermoso tocar na Coruña porque é a nosa cidade. Xa estivemos catro ou cinco veces na praia de Riazor, noutros eventos. É un lugar incrible para facelo. Para nós tocar na cidade é como xogar en casa, todo un luxo.
Que poden esperar os coruñeses deste concerto?
O repertorio terá que ver co do noso último traballo, ‘Luar na Lubre XX. Encrucillada’. Pero tamén interpretaremos clásicos da nosa traxectoria, como ‘O son do ar’, ‘Tu gitana’, ‘Chove en Santiago’... Cancións emblemáticas, que a xente coñece. Será divertido, dinámico, con convidados... Queremos que sexa memorable.
“Nós fixemos un traballo importante para axudar a que chegaran outros grupos, algo que contribuíu á música folk, pero tamén houbo outros que abriron camiño para nós
Está habendo un boom da música en galego. Abristes camiño?
Nós fixemos un traballo importante para axudar a que chegaran outros grupos, pero o traballo de cada un é o traballo de cada un e os tempos son os que son. Quero dicir: nós fixemos algo que contribuíu á musica folk e á música en galego, pero tamén houbo outros que abriron camiño para nós.
Que significou para vostedes o feito de recibir a Medalla Castelao?
É un recoñecemento co que nos sentimos moi realizados. Os artistas galegos moitas veces son perlas que deixamos que se escapen entre as mans, e non pode ser: hai que recoñecer o traballo que fan.
Van cara as catro décadas de vida.
Si, a piques do cuarenta aniversario, que coincidirá no 2026 coa publicación do noso vixésimo primeiro traballo. Tamén co recoñecemento por parte da RAG da palabra que nos dá nome, lubre, que anunciaron fai uns meses. Pretendemos que sexa un ano cheo de concertos. A idea é celebrar un aniversario que non é nada doado de alcanzar: somos unha das bandas máis veteranas a nivel europeo, con máis discos...
Teñen unha nómina de colaboracións moi extensa. Con quen lles falta traballar?
Todas as fixemos desde a colaboración e o cariño. Mike Oldfield foi un padriño nun momento moi determinado da nosa traxectoria, pero temos moitras outras (Víctor Manuel, Luz Casal, Adriana Varela, Pablo Milanés...) que lembramos con agarimo. As vindeiras xa se verán: temos un grupo de xente co que nos encantaría facelo, como Steve Morse, Sting ou Ian Anderson. O tempo dirá.