Belén García Cabeza (A Coruña, 1983), leva case vinte anos de experiencia investigadora vinculada á igualdade na educación. Actualmente reside en Bogotá (Colombia), onde compaxina a docencia universitaria en Colombia e España cun proxecto de consultoría en formación e investigación educativa e social. Ademais, esta semana foi galardoada polo Grupo 9 de Universidades (G-9) co premio á mellor tese douroral grazas ao seu traballo sobre a construción de identidades de xénero en alumnos migrantes de Secundaria de institutos da Coruña.
¿Como xorde esta idea para a elaboración da tese doutoral?
Sempre digo que os principais intereses xorden da túa traxectoria. Eu son de familia migrante e neste caso sempre estiven relacionada con cuestións de xénero. A idea era ver como funcionamos en Galicia nas migracións e, por suposto, no sistema educativo. Era un camiño lóxico.
¿Cal é a influencia do sistema educativo na construción de xénero nese alumnado migrante?
O verdadeiro problema non é tanto do sistema educativo, senón das persoas que o compoñen. Todo depende da formación e da sensibilidade desas persoas. Algunhas das cousas que se identificaron na realización da tese teñen que ver directamente coas carencias de formación dese profesorado. Non hai tanto espazo para entender os problemas. Se lle preguntas a un profesor dirá que non ten tempo para falar doutras cousas e que o importante é a asignatura, o demais queda nun segundo plano
Vostede recompilou testemuñas de estudantes e profesorado en institutos da Coruña e área.
Foi unha experiencia dura. Ao final é moi complicado sacar tempo para poder facer as entrevistas. Sobre todo no senso de contactar con menores, que sempre é máis difícil. Houbo de todo. Quizáis o que máis me marcou foi un alumna colombiana que falaba do que significaba ser muller, poñendo como exemplo á súa nai e avoa como eixo central para recuperar a lembranza de mulleres de familias precarias.
¿Que supón para vostede esta distinción por parte do G-9?
Sempre digo que é un impulso para a miña carreira. Ao final a investigación é unha carreira de fondo que, aínda que moitas veces poidas pensar que non vale a pena, cando recibes unha distinción así merece a pena todo o esforzo.
Actualmente reside en Bogotá.
Decidín mudarme en plena pandemia para Colombia, de onde é orixinaria a miña parella. Alí compaxino docencia cun proxecto de consultoría no que axudamos a asesorar proxectos de investigación para estudantes e docentes universitarios.