Betanzos adxudica a un conxunto de empresas as obras do mosteiro de Donas

Betanzos adxudica  a un conxunto  de empresas as obras  do mosteiro de Donas
O mosteiro de Santa María de Donas será un referente para a veciñanza das Cascas | AEC

O Concello de Betanzos acaba de adxudicar a unha UTE (Unión Temporal de Empresas) as obras de reconstrución do mosteiro de Santa María de Donas. Unha actuación reivindicada durante anos que acadará os 372.700 euros de investimento, financiados entre a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Betanzos, sendo a aportación municipal de máis de 200.000.

Con este proxecto tentará “devolverlle a vida a unha peza singular, o dereito a ser usado e entendido como espazo público”, explicou a alcaldesa, María Barral.

A de Donas “será unha intervención singular, unha aposta por recuperar o patrimonio para uso da veciñanza, unha construción que será un referente polo que significa para Betanzos”.



Estas actuacións, reivindicadas durante anos, contan cun investimento de máis de  372.000 euros



Neste sentido, a proposta técnica ten como obxectivo acadar un espazo que sexa referencia, non polo seu tamaño, senón por devolverlle o valor que a construción representou na contorna e para as xentes daquela época, que dote de carácter ao conxunto sen alterar o volume e o revalorice, expresou María Barral

Os criterios da intervención serán conservar todo o que se recoñece como parte da edificación conventual e eliminar os aditamentos que co tempo se lle foron engadindo e que se atopan en ruína; manter testemuños das diferentes épocas e usos que tivo o monumento; devolver ao conxunto a posibilidade de uso, e completar o existente cos servizos necesarios, distinguindo claramente unha nova edificación da antiga, sinalaron desde Betanzos.



Usos


Os usos que a actuación proxecta para este inmoble están en relación coa veciñanza da contorna, adaptada ás súas necesidades

Así, contémplase a creación de espazos onde as actividades de lecer, estudo, exposición e convivencia, colectivas en xeral, se poidan desenvolver creando un centro sociocultural con dúas salas de uso múltiple en Donas.

Estes obxectivos concrétanse en conseguir un espazo representativo no ala oeste, onde se mantería o corpo principal do conxunto, orixinariamente de dous andares que non chegaron á actualidade, pero que se propón acondicionar e deixar como unha sala única, a dobre altura, acorde co novo uso multifuncional, fronte ao seu uso orixinal de dependencias domésticas, e nun intento, ademais, de “monumentalizar” e facer recoñecible o valor histórico do Mosteiro de Santa María de Donas.

Tamén está previsto recuperar o concepto de patio á hora de propoñer espazos complementarios que fixeran utilizable a edificación existente e deran sentido ao restos atopados, o proxecto propón un patio, tal e como o conxunto tiña no orixe, e resulta propio da tipoloxía conventual ou de pazo, típicos de Galicia. O patio, entendido así como interior delimitado, trata de recuperar un espazo de encontro significativo, de acceso aos distintos corpos e con capacidade para “recoller” o parque contiguo co que intenta dialogar, sinalan desde Betanzos.


Os muros que hoxe se ven seguen a ser a envolvente definidora e a imaxe do conxunto, e a carón deles, o patio cun peche acristalado que define o espazo e permite a percepción da construción orixinal, cunha antesala espazo de chegada na entrada principal, co arco de acceso como elemento distintivo; unha segunda sala multifuncional complementaria, e espazos onde situar aseos, instalacións e servizos necesarios para revivir Donas. 

Betanzos adxudica a un conxunto de empresas as obras do mosteiro de Donas

Te puede interesar