Un partido ao servizo de Galicia

Os militantes do Partido Socialista de Galicia apostaron o pasado sábado por abrir unha nova etapa na súa historia escollendo a Valentín González Formoso como novo Secretario Xeral do PSdeG-PSOE co 60% dos votos. O novo responsable do PSdeG comprometeuse de forma inmediata a poñer o partido ao servizo de Galicia, da Galicia que soña con mellorar, da Galicia interior que aspira a non baleirarse, da Galicia da costa que quere que a entendamos, da Galicia que se foi e que quere retornar, da Galicia que quere que o coñecemento sexa a base e a plataforma de crecemento do noso país.


Con esta elección, comeza a poñerse en marcha un novo proxecto, que dende o espírito galeguista e socialdemócrata, aposta por unha Galicia con capacidade de decisión, moderna e innovadora.


Un novo proxecto que se marca como obxectivo levar ao PSdeG ao lugar que lle corresponde no ámbito autonómico, a volver a ocupar un lugar relevante na sociedade, aproveitando a experiencia de goberno e a capacidade de xestión de 111 alcaldes e alcaldesas socialistas e máis de 1.300 concelleiros e concelleiras.


Sumar para avanzar é o lema co que se presentou Valentín González Formoso á Secretaría Xeral, e iso implica sumar e integrar primeiro dentro do partido para poder avanzar fóra.


Entre os retos da nova etapa que abre o PSdeG está recuperar a ilusión dos militantes, escoitar as súas propostas, impulsar o partido desde a militancia e abrir as portas á sociedade civil para que o PSdeG sexa novamente a referencia de tódolos progresistas galegos.


Un Partido moi plural que ten máis de 10.000 militantes e que debe aproveitar as capacidades de compañeiros e compañeiras moi válidos, con magníficas ideas e cunha ampla experiencia. Compañeiros e compañeiras que levan moitos anos preocupándose do público desde centos de agrupacións locais.


O PSdeG ten moitas voces distintas, e neste partido, como na vida, é preciso ter unha sensibilidade, unha capacidade de empatía que permita escoitalas a todas e ofrecer propostas que non exclúan a ninguén e coido que Valentín ten a capacidade de poder facelo, ten a sensibilidade necesaria e xa o demostrou ao fronte da Secretaria Provincial do PSdeG na Coruña e como presidente da Deputación.


Fortalecer o PSdeG e facelo útil para os intereses dos cidadáns e da propia Galicia é o reto que ten por diante o novo Secretario Xeral.


Será un primeiro paso imprescindible para que sexa posible que Galicia conte cunha alternativa ás políticas de resignación da dereita, despois de 12 anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia.

Un partido ao servizo de Galicia

Te puede interesar