Dereito ao tempo propio

a madrugada deste último domingo de outubro, como se vén facendo nos últimos tempos, toca nova remuda horaria para adaptar os reloxos ao inverno que se anuncia próximo xa. Sen afondar no debate científico sobre se é máis o menos atinada a colocación do espazo galego no mesmo fuso horario que nos conecta cos terras polacas, afastadas de nós en varios miles de quilómetros, mesmo sabendo que o índice de rotación da Terra respecto do Sol non é igual cada día do ano e varia con efectos ben curiosos que fan deste tema cousa que precisa de reflexión máis fonda, o que impón a cuestión de actualidade é pór foco nas conclusións dun foro de especialistas que baixo o rotulo de Uso do Tempo Semanal (Time Use Week), reclaman da Unión Europea sexa suprimido coa máxima urxencia posíbel, polo impacto negativo que ten na saúde das persoas.

Lembremos que as institucións de goberno europeo, Comisión e Parlamento, acordaran suprimir a mudanza de hora para 2019, logo prorrogada ata 2021, unha decisión que non se fixo efectiva polo desacordo dos seus estados membros sobre que franxa horaria adoptar en cada país.

Unha sabia decisión nacida do rigor dun estudo científico impulsado polo Consello Económico e Social Europeo que, malia fose aprobado pola representación políticas dos e das cidadás, chocou de fronte en contra do interese dalgún dos poderes que foron quen de suprimilo porque ao parecer “necesitan máis tempo” para asimilar esta decisión que seica “implica moitos sectores” que non están preparados aínda para isto. O custo é mínimo. Non interesa o acordo, iso é a cuestión.

A iniciativa de uso do tempo, concertada no foro barcelonés antes referido, promove unha declaración que asinan preto dun cento de organizacións mundiais activas na investigación e impulso de políticas do tempo, demandando a inclusión nos textos legais dun recoñecemento para que o “dereito ao tempo sexa un dereito da cidadanía”; e polo tanto se cumpra xa cos acordos europeos evitando a existencia de fusos horarios non aliñados cos reloxos biolóxicos e a descompensación horaria que se padece co actual sistema, co seu impacto negativo na saúde.

É tempo de implantar a hora natural que corresponde ao noso país, e alén diso afondar na racionalización dos horarios de traballo e lecer, non só para conciliar vidas profesionais, familiares e persoais, senón tamén para gañar a igualdade efectiva entre homes e mulleres; na calidade da vida da cidadanía e mesmo na eficiencia e produtividade no traballo. Horario para tempo propio.

Dereito ao tempo propio

Te puede interesar