Auga limpa e transparente

|

Ese líquido incoloro, inodoro e insípido, a auga que enche mares, ríos, lagos e embalses é un ben de importancia incuestionable para a humanidade e para o planeta, para a vexetación, para os animais domésticos e salvaxes. Necesaria, ou mellor dito, imprescindible para a vida, a auga fai mundo, fai mover a roda e ao seu carón levántanse cidades inmensas. Grandes e fermosas cidades normais, para vivir e para convivir. A auga vai pasando e vai mollando, afondando o rego e o regueiro, o regato e o caneiro, por onde pasa amodo para regar e volver regar tódolos quinteiros, os prados e os hortos, aquelas hortas pequenas, de verdura verde e de froitas de tempada.

A auga dos mares é salgada e a de moitos concellos, clorada. E a das fontes? Onde vai a auga e onde están as fontes que tanto gustaban e que aliviaban as doenzas todas?. Onde estarán fechadas ou tapadas?. Obrigáronlles a parar e pararon, escondéronse moitas delas á sombra do día, detrás desa placa indicativa que observa e anuncia aos catro ventos, que a auga non é potable. Vaiche boa!

Os representantes municipais, con coñecemento ou sen el, toman medidas preventivas e cúranse en saúde. Cun buril gastado, para meterlle medo á xente, escriben ou mandan escribir, en láminas de lata, un texto contundente: “Auga non potable”. A veciñanza sorprendida le, cala e acata. “Desa fonte que non se ve detrás do lixo bebían e levaban auga tódalas familias do barrio, os máis pequenos, os pais e os avós”, di, cunha man no peito e a outra nos ollos, a veciña Laurentina, unha muller preparada (farmacéutica de profesión) e con toda a súa vida ocupada en servizos públicos de saúde.

Se ao analizar a auga da fonte o resultado é negativo, cómpre estudar os motivos, saber cales son as razóns da sucidade e evitalas. Como se poida, pero deixando correr a auga e procurando que sexa limpa, transparente e bebible. A auga de tódalas fontes, neste país noso de tanta riqueza acuífera, ten que dar a cara, ten que facer certos aqueles versos de Uxío Novoneyra: “Esta auga da presa / son eu ou é ela?”

Como di a Tía Manuela, recuperar as fontes, coidar os ríos e as rías, os mares e o medio ambiente, o aire e a terra son cuestións principais e prioritarias nestes tempos, “cando é tan importante, como foi sempre, o respecto á humanidade e á natureza enteira”.


Auga limpa e transparente