Un carballo de competición

|

"Os que onte foran bosques e selvas de agreste espesura, onde envoltas en doce misterio ao raiar o día flotaban as brumas, e brotaba a fonte serena entre flores e musgos oculta, hoxe son áridas lombas que ostentan deformes e negras as súas fisuras”. Palabra poética de Rosalía de Castro nas páxinas da súa obra en castelán “En las orillas del Sar” nun poema de reivindicación coa denuncia simbólica, e mesmo metafórica, pola perda irreversíbel causada pola perda de multitude de carballos que se atesouraban por centenas de exemplares na mítica carballeira do, por ela lembrado, Banquete de Conxo que acolleu, en 1856, aquela xornada de confraternidade na que os estudantes universitarios serviron a mesa aos artesán e obreiros como símbolo revolucionario e interclasista de igualdade, fraternidades e liberdade. Sensibilidade ecolóxica e medio ambiental que se anticipa no tempo á xusta reivindicación dunha árbore que é simbiótica á esencia galega polos valores de robustez, vigor e duración do que dan boa conta as incontábeis pegadas que sinalan milleiros de rótulos da toponimia do país, apelidos, cantigas e achegas ao folclore popular.


Da lembrada carballeira rosaliana de Conxo fica ergueito “O avó”, un carballo senlleiro con máis de douscentos cincuenta anos de vida vexetal, e mantén fachendoso o seu porte no que supera a trintena de metros de estatura que se soportan en preto de catro de tronco nunha fraga que, unha vez liberada da clausura psiquiátrica, é ámbito que convida á visita pública. No entanto, estamos chamados a participar nun deses populares concurso que permiten facer divulgación e causa social da protección do patrimonio natural. Nesta ocasión, a xeito de competición deportiva, a cita anual que procura a escolla da Arbore do Ano Europea, ten unha primeira fase de eliminación coa selección da árbore representativa das do ámbito estatal español, unha candidata que logo continuará na pugna coas do resto do continente. O terreo de xogo é a votación telemática.


Por iso, a chamada Árbore de Fraternidade, có cancelo @MandaCarballo, pide colaboración e axuda participando no proceso que está aberto na web “arboleuropeo.es” facendo posíbel entre todas e todos que a nosa árbore representativa sexa a futura Árbore Europea 2022. A día de hoxe, nesa peculiar e didáctica experiencia, “O avó” ocupa xa o segundo posto.


O concurso busca elixir unha desas árbores coas que as persoas establecen especiais relacións afectivas. Na proposta galega vai unha reclamación pola exixencia dunha política forestal que vire a tendencia en favor das árbores autóctonas, fronte ás foráneas pirofóricas, nas que para o carballo, Rosalía reclama: “Torna presta a poboar os nosos bosques; e que tornen contigo as fadas que algún tempo á túa sombra teceron do heroe galego as frescas grilandas”. Amén.

Un carballo de competición