Sumar para avanzar

|

O 40 Congreso Federal do Partido Socialista celebrado a pasada fin de semana en Valencia, puxo de manifesto a capacidade dun partido con máis de 140 anos de historia de traballar conxuntamente en beneficio da cidadanía.


Foi o congreso da unidade, da reafirmación dun partido que é consciente de que os grandes avances deste país se conseguiron cando o PSOE estivo unido e motivado.


Mais foi tamén o Congreso da unidade cos cidadáns, o Partido Socialista entendeu a lección que os cidadáns nos deron na crise: traballando conxuntamente somos capaces de saír mellor das situacións complexas. A socialdemocracia está a recuperar espazo en toda Europa porque os socialistas demostramos, na xestión da crise da COVID, que a resposta pasaba por fortalecer os nosos sistemas públicos e por reforzar o noso sistema de benestar.


O PSOE demostrou esta fin de semana que está centrado no futuro de España e en ofrecer solucións aos problemas da xente, que é un partido necesario e que ten claras as prioridades.


Ese mesmo modelo, ese mesmo espírito, é o que precisamos para o PSdeG en Galicia: Sumar para avanzar. Un PSdeG forte que conte con todos e todas e que aspire a gobernar Galicia. Temos que levar ao Partido Socialista de Galicia ao lugar que lle corresponde, volver a ocupar un lugar relevante na sociedade. Como facemos en España, nos concellos e nas deputacións.


O PSOE ten demostrado ao longo da súa historia a súa capacidade de renovarse, de adaptarse ás necesidades históricas que lle tocou vivir. É hora de renovarse en Galicia para volver a ser protagonistas, para poder ser alternativa ao goberno do PP.


O PSdeG precisa seguir o camiño marcado no Congreso Federal e apostar por sumar, pola unidade, por estar ao carón da xente, por ter criterio sobre asuntos de país e aportar solucións. Por facer un socialismo útil para a sociedade porque esa é a forma de ser e de gobernar dos socialistas. 

Sumar para avanzar