Do desacertado

|

Semellara que a Convención que o PP está a realizar para relanzar o liderado de Pablo Casado, fora deseñada co mesmo pouco criterio e escaso acerto que se fora planificada polo inimigo. Teño para min que o obxectivo non era o de ter que estar apagando lumes tras cada unha das intervencións dos destacados militantes e correlixionarios ideolóxicos. Uns por que directamente desprezan ás Autonomías e poñen enerxía -negativa- demais en desprestixialas e avogan pola súa desaparición, sen complexo algún. Outra das estrelas foi Nicolás Sarkozy que, traído dende máis aló dos Pirineos a bombo e platillo, chega tocado pola recente condena de financiación ilegal, e cuns meses de anterioridade, tamén por corrupción e tráfico de influencias. É imposible ter peor puntería. E Casado que di que quere imitar os seus bos exemplos de xestión. Outro esvarado imposible de maquillar. Sumémoslle a todo isto a non presenza, que en absoluto ausencia, de Díaz Ayuso; unha sombra inmensa que planeaba por toda a Convención e por todos os corrillos, imposible de borrar por máis que orquestrasen aplausos recorrentes para o ínclito Almeida. Pero o que supera todo o insuperable, son as palabras do Nobel Vargas LLosa. Un personaxe pagado de si mesmo que aínda ignora que o pobo é soberano e que vote a quen vote, xamais se equivoca, porque vota en liberdade e dende a súa liberdade individual. Asombra a prepotencia e a ignorancia do máis elemental nun home como Vargas LLosa, a quen se lle supón posuidor dun certo bagaxe vital. Semellara asentado nunha altura superior –nunha posición que ninguén lle outorgou– e completamente fóra da realidade. Case máis como unha caricatura dun personaxe dunha das súas novelas, que pola convicción de ser cidadán respectuoso dunha sociedade de iguais.

Teño esa distancia de ferida silenciosa –dixo El– esa friaxe de illa axeonllada ante a intimidade secreta do perdido...

Do desacertado