Do efémero

o verán rematou case sen darnos conta. Foi deitarnos un día trala praia e o paseo marítimo e ao seguinte, estabamos inmersos na voráxine das rutinas cotiás. Dous días despois, por ese estraño proceso de aclimatación da mente, xa case nin lembramos eses días baleiros de reloxos. Dicía o meu amigo Fernando, tralas celebracións repetidas de ceas e comidas, que vivimos como se puideramos. E non lle falta razón. Hai momentos que son coma parénteses entre dúas liñas temporais e teñen, coma as bolboretas, unha duración efémera. A velocidade é o sinal destes tempos. Nada nace con vocación de permanencia, senón con vontade programada de fuxida. Pasan uns xogos olímpicos, con máis pena que gloria, marcados pola necesidade de ser distracción e esperanza antipandémica en poucos días, despois de ser preparados durante dez anos. A urxencia é o motor da nosa realidade, marca as nosas decisións, as nosas relacións afectivo-temporais e cada un dos nosos plantexamentos vitais, o que nos obriga a priorizar para poder chegar en tempo a todas as frontes. O fin do verán é unha especie de catarse emocional e dun sentimento de perda. Tamén unha exacerbación dos ciclos naturais, coa presenza invariable das Danas no Mediterráneo, e os temporais de índoles variadas que ameazan as colleitas e o nivel de excelencia das vendimas. Recuperamos a convicción de que non hai nada inmutable. Incluso os clásicos exames de setembro, pasaran a facerse nos inicios de xullo. Non estamos a salvo da obsolescencia programada, nin da levedade absoluta que queda ao descubrir o auténtico significado da verdade poética machadiana de que todo pasa e todo queda. É sabido que a vulnerabilidade, medra doadamente nos outonos.

Sempre hai pasos segredos que te saben –dixo El– coma fogueiras que falan de refuxio ou bicos que gardan a memoria dos teus labios. A fraxilidade efémera dunha lámpada, sempre fala de ti...

Do efémero

Te puede interesar