Inmunidade quimérica

Coa pandemia sanitaria mundial da covid-19, chegou ao argot familiar entre a poboación internacional novos conceptos lingüísticos e colleron forza outros que, dende o limitado uso científicos ou de grupos especializados, pasaron a ser palabras de uso cotiá moitas veces como unha especie de talismán dunha futura situación cobizada aínda que negada pola realidade certa. Velaí o obxectivo proclamado pola autoridade política e sanitaria da chamada “inmunidade de rabaño” ou de grupo, como mellor sería cualificala, para levantar un estado de opinión que metaforicamente é versión da “luz ao final do túnel” para crear tranquilidade psicolóxica construída a partir do obxectivo teórico de acadar a vacinación dun setenta por cento da poboación potencialmente en risco de contaxio. O sabio refraneiro popular asegura que non hai mal que cen anos dure, porén iso é moito tempo para os ritmos de vida actuais. O malo é que chegados a tal nivel de individuos coa pauta completa do antíxeno inxectado para neutralizar o contaxio vírico, a tan ansiada inmunidade grupal no se ve por ningures, e non se agarda a súa chegada próxima.

Daquela colle forza o sarcasmo que supón a utilización dun criterio veterinario, o da inmunidade de rabaño, alén da retranca que podería tirarse da consideración social de submisión e acatamento impersoal co que se comporta o gando nos seus movementos, dentro dun cortello ou leira delimitada e sen relación externa con outros animais similares, que nada ten a ver coa forma en que se relacionan as persoas no actual mundo globalizado no que se produce continuamente o efecto bolboreta: Unha persoa contaxiada nunha localidade chinesa remata por causar unha pandemia planetaria con xente afectada en todo o mundo habitado. É o noso talón de Aquiles.

Imos camiño de completar os dous anos da emerxencia sanitaria. Co paso dos meses, nunha situación inédita carente de precedente nesta última etapa da historia humana, o datos teimudos da evolución pandémica, a incógnita das novas variantes froito das interminábeis mutacións do virus e, máis que todo, as innegábeis fisuras que representa unha relación económica dependente dun modelo capitalista globalizado no que falla a solidariedade coas xentes dos territorios máis desfavorecidos, anuncian a persistencia dunha epidemia que veu para quedar entre nós; con máis ou menos intensidade ao modo da gripe estacional. Mellor é prepararse psicoloxicamente para convivir co andazo e asumir que deberemos manter aínda moitas medidas paliativas. Sen dúbida.

Inmunidade quimérica

Te puede interesar