A laparada do cemiterio

|

laparada, substantivo feminino que nomea esa chama grande que se eleva sobre unha materia que arde, sinónimo de labarada, é palabra proposta polo dicionario da Real Academia Galega como alternativa, sen menoscabar o máis mínimo a forza da metáfora simbólica que contén, á expresión avalada nas palabras de Castelao, sinalando que “nos moitos cemiterios de Galiza, repousan os derradeiros mártires da liberdade, en número incontable. A miña imaxinación veu unha fogueira en cada cemiterio, como outros tantos clamores de xustiza. Mais no de Pontevedra veu unha labarada que chega ao ceo. Era o espírito de Bóveda que non figura na Santa Compaña dos inmortais, porque non pertence á Historia senón á Tradición en arume de lenda. Bóveda terá que ser nun mañá, próximo ou máis afastado, a bandeira da nosa redención”, palabras de recoñecemento que forman parte do seu discurso Alba de Gloria, logo integrado na súa magna obra de pensamento e reflexión política, o Sempre en Galiza.

Moito antes, no icónico álbum de estampas de guerra, Galiza Mártir, o senlleiro debuxo “A derradeira lección do mestre” coa figura de Alexandre Bóveda caído no chan consecuencia das balas criminais que remataran coa súa vida de “motor de explosión” da organización galeguista, rodeado por dous cativos que ollan para a súa faciana, de valor e militancia consecuente co compromiso patriótico, nun escenario que simboliza tamén a matanza infame de persoas socialmente comprometidas para logo ser guindadas nas beirarrúas das estradas e corredoiras por todo o país adiante. Mensaxe de solidariedade, completado en Atila en Galiza e Milicianos, a favor dunhas vítimas das que “non enterrar cadáveres, senón semente de futuro”. Memoria histórica democrática, necesaria e militante teimosa na lembranza popular, a favor das vítimas que continúan a reclamar verdade, xustiza, reparación da súa honra persoal e garantía da non repetición dos feitos dun agochado, porén indiscutíbel, crime de lesa humanidade.

Mártir, para o dicionario académico e substantivo que define á xente que padece martirio; e dicir, morte ou tortura que sofre unha persoa por non renegar dos seus ideais. Vocábulo que inclúe o xeito de castigo cruel que causa gran sufrimento, físico ou moral. Daquela, alén da connotación que fai desta catalogación unha exclusiva do santoral católico, é unha categoría lingüística que dota de forza á consideración do galeguismo para cualificar aos “mártires cívicos da liberdade” aos que honramos cada 17 de Agosto, aniversario do infame e ilícito fusilamento de Alexandre Bóveda, data de honra, loa e memoria a favor de todas as persoas que padeceron morte, tortura, persecución ou aldraxe, vítimas da represión franquista orientada a implantar o terror social.

A laparada do cemiterio