Das vidas virtuais

vivimos o reflexo das vidas nos espellos. Virtualidades que invaden as nosas vidas e ocupan e modifican as nosas realidades. Poñemos toda a nosa confianza en ferramentas que, moitas veces, acaban sendo máis armas de destrución persoal, que estratexias de superación e triunfo. Semellara que se non figuramos, non existíramos. Se non estamos citados, nomeados, buscados ou aplaudidos por miles de seguidores, luciremos cualificación de perdedores. Vidas virtuais que distancian da realidade de carne e óso, e aparta das necesidades de socializar e compartir. O diálogo pasa a ser o tempo que queda libre trala autosatisfacción dos nosos propios rituais de autobombo. Estamos inmersos en mundos virtuais, que son capaces de roubarnos a identidade, e facernos crer que temos un control sobre cousas que, en realidade, non temos. Empezamos intentando estar presentes en múltiples e diversas redes; seguimos expoñendo impudicamente partes da nosa vida, e rematamos subindo comentarios impropios sobre persoas ou opinando do divino e do humano, caendo no ataque, no insulto e na difusión de bulos e descréditos, protexidos pola distancia que aportan ese falso anonimato das redes sociais. Actuamos como se a vida real fora prescindible e de segunda división. Pretendemos que todo o mundo saiba que viaxamos ou que envexen como vivimos, mediante unha exhibición desproporcionada e sen filtros, do que somos. Non queremos ser conscientes da vulnerabilidade que supón o feito de sobreexporse a uns medios que teñen a mesma fiabilidade, que deixar a un raposo ao coidado do galiñeiro. A homofobia, o racismo, o desprezo ao diferente, ou os insultos a medallistas olímpicos, medran por esas vías. E sementan visceralidade e odio. E non é xusto. Non hai maior covardía que agocharse na violencia anónima dos paraísos virtuais.

Vivimos nas palabras que sentimos –dixo El– no roce improvisado desa brisa de amarte, na rutina solemne de esperarnos ou na transparencia fráxil de soñarte...

Das vidas virtuais

Te puede interesar