O efecto tractor do investimento público

o papel do investimento público como factor de desenvolvemento económico é un feito non discutido.

O debate sobre a relevancia da licitación de obra pública quedou pechado durante a pasada década, cando as políticas neoliberais que puxeron a contención do déficit por riba de calquera outra consideración, contribuíron a multiplicar os efectos da crise.

Lonxe de aliviar a situación creada trala quebra de Lehman Brothers, a contracción do gasto público só levou a ralentizar a recuperación e a ampliar a fenda social. É decir, máis desigualdade.

A reacción do Goberno de España e da Unión Europea como actor político supranacional, ante o golpe económico da pandemia, demostra a clara vontade de non caer no mesmo erro.

Cos limitados recursos dos que dispoñen, as Administracións Locais teñen tamén un papel relevante na dinamización económica. Mais no local non existe marxe para mobilizar grandes volumes de recursos extraordinarios. A mellor ferramenta que teñen os concellos é a procura da xestión máis eficiente dos seus recursos ordinarios. No Goberno Local da Coruña fomos conscientes dese papel desde o primeiro momento, dando prioridade á licitación pública como un dos principais motores xeradores de actividade económica e, porén, de emprego.

Entre xaneiro e xuño deste ano o Concello da Coruña foi o primeiro concello en Galicia en licitación de obra pública. Non foi froito da casualidade, senón desa vontade de contribuír, con todos os medios dispoñibles, á dinamización da economía local e, por suposto, á mellora da cidade.

Temos dous obxectivos claros fixados pola nosa alcaldesa, Inés Rey: a transformación urbana da cidade baixo un modelo máis humano, máis amable, máis atractivo, e a xeración de actividade económica.

Non existe mellor plan de recuperación que a eficaz administración dos recursos. En seis meses no Concello da Coruña licitamos, só en obra pública, 20,7 millóns de euros. Eses fondos suporán, entre outras moitas cousas, a mellora substancial de dous barrios, Monte Alto e Xuxán, e suporán tamén, a creación de empregos directos e indirectos vinculados ás obras de construción e urbanización.

Acadar tal volume de licitación, o máis elevado en seis anos, logrouse despois dunha fonda reorganización dos servizos de Contratación na busca dunha maior eficiencia. A centralización da contratación municipal levada a cabo en novembro do 2019 permitiu a este Concello manter un elevado volume de tramitación mesmo durante os meses máis duros da pandemia.

Non hai peor solución diante dun problema que ficar parados, cousa que non fixemos senón todo o contrario, e por iso hoxe A Coruña está nunha mellor situación para deixar atrás o antes posible as cicatrices deixadas pola COVID-19. Porque cremos que o público ten que estar ao servizo da cidadanía, e porque non hai mellor forma de servir aos cidadáns que cunha xestión eficiente dos recursos.


O efecto tractor do investimento público

Te puede interesar