O universo visual de Víctor Moscoso

Coa mostra “O universo visual de Víctor Moscoso”, a Fundación Luis Seoane descúbrenos a obra dun creador que tivo un papel fundamental, no eido da plástica, nos movementos contraculturais da década do sesenta nos Estados Unidos, marcados polos presupostos da xeneración Beat, a psicodelia, o underground, o movimento hippie e a revolta do 68 que tivo a universidade de Berkeley como o seu epicentro. Pero o que máis nos asombra é enterarnos tan tarde que este reputado artista naceu nunha aldea de Oleiros, en 1936, e que con catro anos emigrou a Nova York e foi alumno nada menos que do noso admirado, o gran mestre da cor Josef Albers, na universidade de Yale . Fundamental foi o longo traballo de pescuda durante sete anos de David Carballal para contar con esta exposición da que é comisario; él define a Moscoso como un alquimista gráfico, pois rachou con todas as regras do cartelismo clásico para crear unha linguaxe visual impactante que cambiou radicalmente os paradigmas. É todo iso fíxoo no tempo récord de oito meses do ano 1967, nos que deseñou os prodixiosos carteis que agora podemos contemplar na Luis Seoane e que o consagraron definitivamente. A súa obra primeira, de cores terrosos, encaixa nos presupostos do expresionismo figurativo, que practicaba Rico Lebrun, outro dos seus mestres, pero, en 1959, nunha mostra do MoMa, descobre a nova estética de California, viaxa a Berkeley e en 1960 instálase en San Francisco, toma contacto cos beatniks, lee o “On the Road” de Kerouac, estuda no San Francisco Art Institute, expón na libraría de Ferlinghetti, e logo no seu propio estudo,, mostra da que a revista Art Forum se fará eco, saudándoo como “ o millor pintor figurativo da costa oeste” . Pero o destino levarao por outros derroteiros, da man da música psicodélica, para a que empezará a facer carteis en 1966, o que o obligará a darlle unha reviravolta ao que aprendera con Albers, utilizando as cores complementarias de igual saturación para crear contrastes e efectos vibratorios potentes. En 1966 crea a súa propia compañia: Neon Rose,usando cores que parecen de neón. Naceron así estes fantásticos carteis que fixo a un ritmo vertixinoso e cuxo engado, ademáis da cor e da impactante rotulación distorsionada xeométricamente, está no uso de imaxes simbólicas que remiten a mitos e arquetípos, como Hércules,Neptuno, ícaro, Afrodita ou o Ying-Yang. Si tiveron tanto éxito foi porque puideron dar visibilidade a aquela nova conciencia que se revoltaba contra o mundo tecnócrata, que quería abrirse ás realidades interiores proclamadas por Aldoux Husley , que seguía o antibelicismo de B. Russell e proclamaba a beleza retro e o Art Nouveau. Víctor sentíu que ese era o epicentro do seu sentir e soubo reflectilo dun xeito tan prodixioso que foi incluido entre os cinco grandes do cartelismo, cuxa mostra no famoso verán do amor, na Moore Gallery de San Francisco tivo máis de tres mil asistentes.Medio século despois abre os ollos abraiados dos coruñeses.

O universo visual de Víctor Moscoso

Te puede interesar