Outro andazo, a pindemia

Un amigo de moitos anos, aos seus sesenta e cinco, sabía de memoria centos de números de teléfono, os dos familiares todos e tódolos das amizades da familia. Aínda ben non vía o número escrito, xa o recordaba sen máis, gravábao na súa memoria como, hoxe, a maioría grava no seu móbil moitos teléfonos, moitos nomes e moitísimos datos. Son tantos que enchen a memoria do dispositivo, por grande que sexa; sobrecargan a tarxeta SIM, a 4G, a 5G, a memoria externa e a nube.

Na nube, alá arriba, onde non chega ninguén sen dar un salto tecnolóxico, xa é outra cousa. É cousa de todos, ao dispor de moitos e de poucos tamén. Miles de tarxetas para milleiros de millóns de datos, moitos deles de interese limitado para calquera cidadán normal. Tarxetas microSD, microSDXC, SanDisk Extreme PRO, microSDXC UHS-I e moitas outras con posibilidades e tamaño diferente. Pequenas en volume e enormes en capacidade. A memoria do amigo quédase corta diante de tanta acumulación de información e datos, en tan pouco espazo, quen o diría?

Tódolos datos van á nube e móvense nela, circulan libremente e xeran nubeiros ou nubarróns que impiden ver ao ceo limpo. Ese ceo, coas súas estrela tecnolóxicas, está por arriba, coa altura dos puntos altos e, por abaixo, coa chaira baixa dos vales vizosos. A memoria da xente é para recordar os males do pasado, que foron moitos os que lembramos e moi malos.

Para a vida normal, para traballar, comer e ler, abonda coa memoria incorporada a un aparello trivial, dos baratos en calquera tenda de calquera cousa banal e insignificante.

Pero non se pode facer nada se non se coida o PIN, esa chave que da acceso á información, ao control do aparato, da aplicación; que permite o acceso ás redes sociais, ao xornal dixital, ao sistema sanitario, para saber canto se demora a cita marcada o ano pasado; para comprar un billete de tren, de autobús ou de avión, para operar na banca e ver o altísimo custe das comisión por mantemento ou pola xestión que se fai dende a casa, a través da banca electrónica.

O amigo estima que estamos en épocas de pindemia e ten razón. Un PIN para cada detalle, para todo, cos caracteres que recomendan, coa extensión marcada, coa mestura deliberada de números, letras e signos. A memoria, neste caso, é imprescindible para saber onde está o PIN gardado. A pindemia, como di a Tía Manuela, “é un andazo, como calquera epidemia”.


Outro andazo, a pindemia

Te puede interesar