Ringleiras de xente esperando

Por onde queira que vaias atopas ringleiras de xente esperando, formando cola para todo, arrabeando, agardando sen saber canto tempo tarda a xestión, cando estarán de volta co labor feito. Á cola para todo e en tódolos lugares, nas entradas dos bancos, nos caixeiros automáticos, alí onde hai comida feita, nos dispensarios de asistencia médica e nas farmacias, nas tendas dos chinos e nas que venden flores ornamentais ou mortuorias.


Esa cola é para comprar a entrada, aquela para entrar ao cine e esta que está ao carón é para deixar o nome, os apelidos e o correo electrónico, por mor da covid-19, que fixo e segue a facer estragos. Colas para comulgar, para entrar na catedral de Santiago pola Porta Santa ou por calquera outra, para visitar o Pórtico da Gloria ou para acender as lámpadas da esmola. As lámpadas da esmola acéndese coa tarxeta de crédito ou, mesmamente e directamente, con moedas como as das tragaperras, que garanten pago legal e seguro.


Os días de festa aínda hai máis colas, nas máquinas de peaxe das autoestradas, nas gasolineiras, nos aparcadoiros das praias, e na entrada ás areentas parcelas acoutadas, unhas cerradas e outras marcadas. Colas nos baños públicos, nos restaurantes e nos chiringuitos. E ringleiras interminables de xente abafada e de coches no retorno á casa.


Cómpre facer cola para todo, para servirse e para servir, para entrar e para saír, para dar e para recibir. Na cociña económica de cada lugar hai xente que espera, que ten fame e espera quenda. E, naquelas tendas que non teñen cola, a xente non entra. Que pasa? Colas inmensas nos lugares de vacinación, nos santuarios do perdón, nos ximnasios e nas tendas que ofertan internet ou telefonía móbil. Nas oficinas do paro, nos paseos matinais, antes de que aperte o sol; nos centros médicos e para as solicitudes do Inserso, hai colas quilométricas que non se acaban nunca.


Saber esperar é outra cousa. É unha filosofía de vida, unha arte que algúns posúen, “aqueles con maior capacidade de autocontrol e de tolerancia á frustración”. Estes mesmos tamén desesperan cando esperan pola semana que vén ou esperan que cambie o tempo.


En rea, aos cidadáns queren poñelos (poñernos) en fila, de modo que entre todos se forme una liña longa que avance con todos ao mesmo paso, se é posible un paso seguro cara a indiferenza, que –como di a Tía Manuela– “é un paso seguro cara a nada”.

Ringleiras de xente esperando

Te puede interesar