De vergoña allea

Doadamente concluímos que algo non fixemos ben cando escoitamos as explicacións da rapazada que foi de viaxe de lecer e ruptura de normas a Mallorca. Especialmente, os desaforados berros de liberdade proferidos, inadecuadamente, polos seus pais ou nais. É como sacar os pes do testo nun inútil intento de xustificación do inxustificable. Quedou de manifesto o hiperproteccionismo que algúns pais exercen cos seus fillxs, e a carencia total de autocrítica e de esixencia ante accións que cometeron e que están fóra da corrección e dos protocolos obrigados para este tempo de pandemia. É unha auténtica mágoa ver que a liberdade e o exercicio dos dereitos conseguidos con esforzo por toda a sociedade, quedan reducidos a unha mera escusa ou recurso dialéctico, para tapar as vergonzas das accións inadecuadas e irresponsables duns xoves, e duns pais, que amosan comportamentos inmaturos e fondamente infantís. Levamos un curso difícil, onde calquera alumnx contacto de algún positivo, tivo que facer corentena, e superar unha pcr negativa para poder reincorporarse. As imaxes destes días, de insultos, ameazas e presentándose con avogados modelo made in USA, é propia de señoritos e de malcriados doutro tempo e condición. Novamente aquelo de Deus dea a quen botarlle as culpas, sexa a un goberno, á policía ou ás conxuncións astrais, e todo por non recoñecer que quebraron a racionalidade e deixaron aparcada a cordura. Falamos de persoas con formación e co agravante engadido de que en poucos días serán universitarios. E falamos de pais formados e informados, por iso non teñen xustificación nin desculpa. Da vergoña allea ver estas cousas, e como algúns seguen pensando que as normas e as responsabilidades, nunca teñen que ver con eles.

Só podo tecerte palabras inflamadas –dixo El– reflexos deses ecos que repiten a voz universal e eterna de sentirte. Amarte ten o asombro dunha luz e a concreción exacta do sinxelo...

De vergoña allea

Te puede interesar