O BNG inicia na Coruña unha recollida de firmas contra a subida da luz

O BNG inicia na Coruña unha recollida de firmas contra a subida da luz
Un momento da recollida de firmas, esta mañá, na Coruña/Javier Alborés

O BNG presentou esta mañá na Coruña unha recollida de firmas contra a subida da luz e pedíulle ao Goberno que Galicia teña unha rebaixa na súa factura.


Así o expresou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en declaracións aos medios nun acto no que tamén estivo presente o portavoz municipal na Coruña, Francisco Jorquera.


Ana Pontón afirmou que esta campaña comeza porque "non poden estar de brazos cruzados" ante decisións que afectan as familias e ás pequenas e medianas empresas, mentres "benefician unicamente ao lobby eléctrico".


Pontón cualificou esta subida como "unha aberración", xa que Galicia é un gran produtor de electricidade, e denunciou que "se está programando unha invasión eólica na que vai gañar o lobby eléctrico e vai perder Galicia".


A portavoz nacionalista esixiu "medidas compensatorias" para Galicia por ser grandes produtores e dixo que os galegos "teñen dereito a unha tarifa máis baixa".


Mostrouse crítica co Goberno, ao seguir a senda dos executivos do PP, que "facían medidas políticas para as eléctricas e non para as maiorías sociais".


"Plantar cara"

Cualificou esta campaña como unha medida "para plantar cara a un feito que terá consecuencias negativas para a economía e para as maiorías sociais".


"Hai que dicir que xa está ben de subir a factura da luz, que xa está ben de portas xiratorias e que xa está ben de que se goberne sempre pensando no 'lobby' eléctrico e non na enerxía como un ben público cuxos beneficios debemos socializar", dixo Pontón.


A portavoz do BNG espuxo alternativas como "unha tarifa eléctrica galega" que abarate a factura ás familias e ás empresas. Pediu "unha rebaixa" no prezo do IVE e que se conciba a electricidade "como un ben público, prohibindo que a ninguén se lle corte por non poder pagala, porque é un ben básico".


"Dereitos das persoas"

Para Pontón, "os dereitos das persoas teñen que estar por encima dos dereitos das eléctricas" e considerou que se se baixa o prezo da electricidade conseguirase "un incentivo fiscal" para que as empresas se instalen en Galicia e xeren emprego.


Pola súa banda, Francisco Jorquera pedíulle á poboación galega a súa axuda para que esta recollida de firmas sexa "unha campaña social para que se faga escoitar a súa voz e free este tarifazo".  

O BNG inicia na Coruña unha recollida de firmas contra a subida da luz

Te puede interesar