Da dor allea

|

Asistimos asombrados a tantas situacións que se suceden cada día, que case non da tempo a asimilar as causas do que pasa en cada un dos territorios deste mundo tan global, coma desigual e inxusto. Os conflitos fronteirizos, os intereses económicos, a loita desigual de Israel e Palestina, a manipulación da xeopolítica, teñen moito de manifestacións da pobreza, vestida de mil formas, que está no xerme da maioría das loitas e das migracións. Hai tanta dor acumulada nas imaxes que impacta só o feito de contemplalas. Unha incomodidade de observador dun pais desenvolvido, oprime e desgarra o alma pola dureza e a resignación acumulada que latexa en tantas sociedades. E moitas veces, a manipulación dos gobernos sobre os dramas da cidadanía, superan os límites do imaxinable. Os recursos marroquís de abrir as portas fronteirizas e traer a miles de menores dicíndolles que ían ver xogar a Ronaldo, para colapsar as cidades españolas, clama ao ceo.


Quen manipula a menores para causar conflitos, e despois traslada información falsa, buscando soliviantar á sociedade marroquí e agochando a marea de accións humanitarias das forzas de fronteira españolas, tan lonxe dos abusos do seu pais, non merece máis que rexeitamento internacional. É momento de Europa.


España é a fronteira Sur, pero é a fronteira de toda Europa e ten que ser defendida pola totalidade da Unión.


A Diplomacia europea ten que chamar a capítulo a Rabat e se fora preciso, conxelar os tratados de socio preferente que se lle outorgou en cumprimento dun papel, que non está a respectar. Mirar para outro lado non é propio de sistemas que teñen a legalidade, a xustiza social e o respecto ao dereito internacional, no cerne da súa propia existencia.


As dores auténticas conforman a intimidade propia –díxolle El– definen a fondura da ferida, e ensinan a ser voz que clama na friaxe de deserto da túa ausencia... 

Da dor allea