4 de cada 10

|

4 de cada 10, é o número de persoas de entre 14 e 15 anos que non teñen aptitudes para desenvolverse en galego. O 25%, é un numero socialmente vergoñento, e para nada aceptable como sociedade e como País. O galego é o mellor expoñente da nosa identidade e da nosa realidade nacional. O 70 % da mocidade galega asume que o castelán é o seu vehículo de relación co seu entorno, esta si é para min a cifra preocupante, un grande precipicio.


Cómpre que sexa pois a administración galega a que coide e potencie o uso da lingua galega, como? Pois facendo que sexa un uso natural, como? Pois facendo que sexa un uso aproveitado, como? Pois dándolle ao galego o rango que merece e que sexa un valor diferencial tamén no ocio e divertimento dos máis mozos, xunto coa capacidade de negocio.


Neste senso, vexo con preocupación que son poucos os proxectos e accións relacionados cos fondos europeos que teñan en conta ou que teñan como eixo a nosa lingua. Non é esta situación unha clara mostra da realidade? Non vai ter Galicia proxectos relativos á súa lingua? Euskadi, plántea aquí a “Gran Biblioteca Dixital Vasca” É a dixitalización un chanzo complicado para o galego, por iso é preciso que sexan os axentes públicos os que propoñan fondos de recuperación neste senso, infelizmente en Galicia non van por ese camiño as propostas. É todos somos conscientes de na era dixital aos máis mozos podemos perdelos no uso e mantemento do galego.


Portugal é un exemplo na súa xestión de fondos europeos, Portugal Norte e Galicia poden e deben ser un motor de recuperación postpandemia, unidos territorialmente e tamén polo uso dun idioma común e cultura similar. A coñecida como Lei Paz Andrade, que tan ben defendeu no Parlamento, Xosé Carlos Morell, ten unha visión adianta á situación actual o aproveitamento do idioma común. A Lusofonía supón un gran ecosistema de riqueza e de negocio ao servizo de Galicia e dos Galegos, que nos sitúa nunha vantaxe competitiva. Ter en conta que o idioma de negocios máis falado do hemisferio Sur é o Portugués. Non é esta unha razón para que ese 70 % de uso maioritario do castelán se equilibre. Ollo non significa non falar castelán, significa valorar a vantaxe competitiva e conseguir un equilibrio. Ese equilibrio sitúa a Galicia nun alcance de 768 millóns de persoas.


En definitiva, cómpre presentar proxectos aos fondos europeos que teñan a sensibilidade precisa co noso maior tesouro: a lingua. Cómpre dar valor á posibilidade de negocio que supón o galego, cómpre tamén fabricar máis ocio e máis contidos tamén en galego. Algunha iniciativa esta nacendo nese camiño, eu coñezo dúas, imos vendo. 

4 de cada 10