De Madrid

|

Poñamos que falo de Madrid –como cantou Sabina e Antonio Flores- ese lugar especial e particular, tan igual e tan diferente. Unha cidade que soña ser Estado. Remataron as eleccións e Ayuso pasou directamente do non ser ao ser. A Casado quedoulle o sorriso de quen queda esixido no seu liderado. Aínda que nas previsións estaba clara a súa vitoria, o resultado foi claramente excesivo. Compartamos que a sociedade nunca se equivoca no seu voto. Vota o que considera mellor para os seus intereses. E non caiamos na simpleza de chamarlles fachas por votar diferente. Neste caso ademais, houbo un nivel de participación histórico, e o PP gaña en todas as localidades agás dúas. Non obedece a unha realidade ideolóxica. Cando a dereita ten case o 50% do voto das seccións de renda baixa, chega ao 60% nas de renda media e pasa do 75 nas de maiores recursos, quere dicir que isto non foi do enfrontamento clásico esquerda/dereita. Foi doutra cousa. Algúns din que de confrontación de modelos, ou da fatiga pandémica que prendeu nesa banalización da liberdade, focalizada en poder saír a tomar cañas. Non tiveron incidencia as dúas décadas de recortes das políticas públicas do PP. Ou dos malos datos sanitarios, nin o desprezo aos desfavorecidos das colas da fame. Non tiveron efecto a mala xestión das Residencias de Maiores nin as mortaldades. Toca ler a realidade de modo diferente, e con moita humildade. O PSOE cambiou o pais e a Historia, e volverá a facelo. Pero a historia non gaña eleccións. Seguimos coa linguaxe do século pasado, e é preciso reinventarse. Menos redes e virtualidade e máis estar, escoitar e propoñer. A proximidade, sempre foi a mellor arma para a convicción. Tamén para o combate.


Habítame coa intimidade do desexo –dixo El– imprégname da austeridade dos invernos e co silencio ferido desa fogueira que arde permanente en ti...

De Madrid