¿U-la nova política?

|

Das cinzas aínda quentes da crise do 2008 xurdía no plano teórico unha nova forma de concibir a política. Esa concepción baseábase nunha visión da “vella política” segundo a cal os representantes públicos, ata ese momento, a casta, non eran quen de atallar os males do país e non daban resposta ás demandas de benestar social, igualdade ou emprego dos cidadáns. E fronte a iso xurdían novos actores políticos.


Esta “nova política” non se identificaba tampouco coa “vella” dicotomía de ser de esquerdas ou de dereitas, e rexeitaban o que chamaban as regras do xogo ideolóxico xa que para eles o eixo fundamental era máis simple, había que escoller entre ditadura ou democracia, arriba e abaixo, etc. Unha extraordinaria simplificación demagóxica que lembra ao comunismo ou liberdade empregado recentemente pola Sra. Ayuso e o PP de Madrid.


A nova política ademais de prometer a xubilación antes dos 60, a luz gratis, vivendas a escoller e traballo en abundancia para todos, introduciu en España a política do tweet, da estratexia política entendida como entretemento de masas na que cada día tes que dar un novo xiro ao guión para non perder share de audiencia ou incluso entrar a debates tuiteros sobre programas de televisión para non quedar fora da conversa social.


Unha nova forma, atreveríame a dicir mesiánica, de entender a política que propiciou tamén unha gran difusión do chamado Ano Cero: todo empeza comigo, antes de min, a nada (e despois tamén, claro). De aí que moitos se teñan por inventores da roda, aínda que está claro que a roda xa estaba inventada. A realidade, por suposto, resultaba algo necesariamente prescindible, incómodo: para que mirar cara ela cando podemos seguir en danza coa nova charanga intelectual que tan ben sona.


Ante tanta pirotecnia e entronizacións, eu declárome membro da Santa Compaña da Vella Política, da política aburrida, previsible, imperfecta, na que as ideas que se defenden identifícanse con claridade e non mudan dun día para outro, unha política de valores e principios capaz de entender o mundo no que vive para tratar de melloralo. Unha política cos pes na terra que non vive pendente dos índices da audiencia nin dos seguidores en redes sociais e, polo tanto, útil para a gran maioría da cidadanía.


Os oito anos transcorridos dende 2014 foron suficientes para que algúns se decataran de que os electores non se deixan cegar polos fogos de artificio nin por proclamas mesiánicas que non se concretan na mellora da súa calidade de vida. A nova política defraudou as expectativas xeradas ao tempo que interiorizaba aquelas prácticas previamente criticadas (endogamia, privilexios, cesarismo.. etc). En definitiva, a nova política colapsou en moi pouco tempo porque nin era nova nin era política.


Madrid é un símbolo do devir da nova política en España. Nada que non viviramos antes en Galicia cos que ían a inventar a roda. O xogo durou o que durou. Game over. É tempo de saír do reality show e de volver á realpolitik. Os cidadáns queren solucións, non contos e para series, xa temos Netflix.

¿U-la nova política?