Máis cooperación, menos confrontación

|

Os cidadáns non perdoarán a aqueles representantes públicos que na zozobra dunha pandemia busquen obter outros réditos que non sexa a mellora da situación. Se a cooperación leal entre institucións tiña xa que ser a norma, con máis razón nun momento marcado pola actual incerteza. Para corrixir o rumbo é preciso remar xuntos e facelo con firmeza.


A miúdo se fala en moitos cenáculos da ausencia en Galicia de alternativas ás políticas do presidente Feijoo. A realidade resulta ben diferente. Non só hai opcións, senón que é posible visualizar esas liñas institucionais alternativas con actores políticos de primeiro nivel.


A semana pasada diferentes administracións evidenciaron a existencia de políticas progresistas alternativas tanto na forma como no fondo. Así quedou de manifesto no encontro pilotado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, coa alcaldesa da nosa cidade, Inés Rey; e cos rexedores de Santiago e Ferrol, Xosé Sánchez Bugallo e Ángel Mato, respectivamente. Un bo exemplo de cooperación leal e de traballo conxunto. Catro institucións distintas capaces de chegar a acordos para facilitar saídas aos cidadáns que máis están a padecer os efectos da pandemia.


Esa alternativa prima a cooperación institucional, favorece o entendemento entre administracións e pon por diante os intereses xerais, dándolle prioridade ás medidas de axuda a sectores económicos moi castigados pola actual crise sanitaria. En definitiva, facer aquelo que demanda a maioría da cidadanía.


Nesa foto tería sido bo que estivera tamén o presidente do Goberno autonómico, mais Alberto Núñez Feijoo escolleu outro camiño, un camiño erróneo. Despois de que a Xunta puxera como exemplo o modelo de Valencia (onde, por certo, gobernan os socialistas) para axudar aos autónomos, ás pemes e á hostalería decidiu non aplicalo. Alí, deputacións, concellos e Generalitat chegaron a un acordo para a creación dun Fondo de Cooperación Covid, un acordo mediante o cal os fondos para a recuperación se canalizan a través dos concellos.


Por que os concellos? Por efectividade, porque, por poñer o exemplo que mellor coñezo, o Concello da Coruña, con Inés Rey á súa fronte, estaba a pagar as súas primeiras axudas pola pandemia un mes e medio antes de que a Xunta anunciara as súas, e porque só a Administración máis apegada ao territorio coñece mellor que ningunha outra as necesidades dese territorio.


A Xunta non quixo remar nese barco, porque o Executivo autonómico non buscou a cooperación, senón que aspiraba a converterse en recadadora das contribucións alleas e na única xestora de todos os fondos contra a crise. Buscaba, en fin, non a efectividade, senón o protagonismo. Quen neste momento pense máis nas medallas que na procura de solucións non resulta útil aos cidadáns que o puxeron no seu cargo.


Estamos a vivir unha situación de excepcional gravidade, cunhas circunstancias inéditas en Europa nos últimos cen anos. Hai un fino fío que separa a pandemia dunha crise económica, e dos representantes públicos se agarda que dediquen todos os seus esforzos, todos, a enderezar a situación.


Hai un modelo alternativo ao de Feijoo en Galicia, un modelo baseado na cooperación leal e do que é un bo exemplo a unión entre a Deputación coruñesa e os concellos da provincia. É tempo de remar xuntos para chegar a bo porto.

Máis cooperación, menos confrontación