Do insperado

|

Vivimos agardando sobrevivir ao inesperado. A esa ruleta rusa do accidental, ao caos da desesperación e o sobresalto. Pero ás veces sucede. E o inesperado asoma e invade o tecido das cousas cotiás, facendo que todo xire dun xeito diferente. E o impacto da ferida afoga e paraliza emocións e sentidos. 
A traxedia viste de forma persoal e actúa sen criterio, indiscriminadamente e cunha frialdade cruel e aséptica fai diseccións amplas a pesares da dor que inxecta na sociedade e nas familias. Sempre, alleo á razón e a compaixón,  impón a súa orde de actuación, sen deixar turnos de preguntas nin réplicas. 
Non hai algoritmos que expliquen as cousas que suceden, as dores que sentimos por acción directa ou por reflexo. Nin respostas que calmen a desazón que fai denso o ar, e o latexo monótono de seguir vivo. E todo cambia de estación, e todo é gris e a cinza enche e espalla memorias individuais e colectivas, por cada espazo de loitos e feridas. 
Un vai sufrindo mortes pasaxeiras/ fisuras no espazo que nunca cicatrizan –dixera o poeta– rabuñazos de realidade con sangue e con bacterias... O impacto do inesperado sempre chega a destempo e sempre chega a traizón, e por sorpresa. Hai fendas que quedan coma rochas poderosas nas historias dos pobos mariñeiros. Naufraxios inesquecibles deses mares que amamos e tememos. 
Ás veces o inesperado marca unha única vez, pero gravan para sempre as súas cicatrices. Trallazos de realidade que che amputan a vida. Nunca hai abrazos suficientes para afogar a ansiedade das despedidas que nunca sucederon. Que a terra lles sexa leve. Vivirán para sempre na nosa memoria e na sufrida historia do nosos pobos de mar.
* Á memoria dos mariñeiros  de Cambados falecidos no naufraxio do “Sin Querer Dous”.

Do insperado