Os primeiros seres humanos que poboaron o que máis tarde sería a provincia romana da Gallaecia, logo reino de catro alemáns, despois provincia e agora unha comunidade autómata da capital do Reino, hai que supoñer que xa se asentaron como cazadores recolectores e non abandonaron ese sistema de supervivencia, nin na actualidade. Aínda seguimos sendo nómades e pouco sedentarios. Claro que modernamente ao noso sentido itinerante en procura de mellores colleitas se lle chama emigración, que vén como máis científico.
Carentes de calquera sistema de civilización industrial, os galaicos seguimos indo ás ameixas, aos berberechos e a calquera ser vivo que apareza na zona intermareal. Se se afasta un pouco o ser vivo susceptible de cocerse a alta temperatura nunha lareira, embarcamos nunha chalana e apresámolo sen máis complicación. Cando se trata de animais que se desprazan polos montes e prados, os galaicos utilizaban unha trampa, agora moito máis electrónicas e controladas con teléfono móbil, e xa modernamente, unha espingarda servía para neutralizar o becho que podía ser asado ou cocido e sustentar a unha familia durante uns días.
Mentres os galaicos seguimos cazando e recolectando, os modernos cataláns, agora reconvertidos en electricistas, ou petroleiros aproveitan os recursos da terra
A caza como supervivencia continúa nos escasos xenes galaicos que aínda perduran, pero a captura de animais como deporte, tanto en terra como en mar, non o ven os galaicos como moi propio. Os animalistas modernos tiraríanse dos cabelos sen acondicionador se souben das iniciativas parlamentarias que houbo no seu día para defender aos pescadores. Un afamado autonomista, con rúa e todo, reverenciado polos modernos nacionalistas reclamou no Congreso que se armase unha lancha da Armada con varias metralladoras pola cuberta para aniquilar aos golfiños que devoraban ás sardiñas na ría de Ares e impedían que os mariñeiros da zona capturasen o peixe, que curiosamente enriquecía aos cataláns, propietarios das conserveiras e salazoneiras ben situadas en primeira liña de costa, á espera de que os anos lles recualificasen os terreos para construír edificacións a pé de praia.
Mentres os galaicos seguimos cazando e recolectando, os modernos cataláns, agora reconvertidos en electricistas, como Gas Natural, ou petroleiros, como Repsol, seguen aproveitando os recursos da terra. Non me parece mal que se defenda á multinacional de Brufau do asalto austral, pero o apoio galego e máis o coruñés debería estar condicionado a unha rebaixa do prezo dos carburantes, por aquilo de ter unha refinería adornando a cidade herculina como a torre de Hércules, o Milenium ou o depósito de auga dos Castros.
Se os porcos bravos están acabando cos cultivos de millo, pementos de Padrón ou patacas finas de Carballo non sei a que esperan os nosos deputados galaicos no Hórreo para pedir que o monarca español veña a estas terras a comandar batidas e presidir degustacións do excelente xabaril autóctono. Entre el e Marichalar manterían as piaras en niveis sustentables, polo menos dispararían con pólvora real e os hospitais galegos están máis que preparados para calquera accidente balístico.