A decisión escocesa

Oreino de Escocia formouse no século IX  e mantivo a súa independencia por séculos en loita continua contra Inglaterra. Dende 1603 até 1688 unha dinastía escocesa, os Stuarts, reinou sobre ambos os dous países e esta proximidade incrementou as presións anexionistas de Inglaterra. O Parlamento escocés aprobou no 1707 a Unión co reino de Inglaterra no novo Reino Unido. Foi unha decisión impopular, explicábel polos intereses da nunca fiábel aristocracia escocesa, dominante na Cámara e pola carga financeira xerada por unha fracasada aventura colonial no istmo de Panamá.
Os escoceses mantiveron a súa Igrexa, Dereito, sistema xudicial e réxime local, mais perderon as súas liberdades políticas. A emigración, a aventura colonial británica e a industrialización serveron para encaixar o país no Imperio británico. Mais as guerras mundiais liquidaron o Imperio e Escocia perdeu os seus horizontes. Londres multiplicou a súa presenza no Reino Unido. Xa non era doado o encaixe de Escocia neste inglesizado reino.
Hai algo máis de 40 anos apareceu o petróleo do mar do Norte e Londres privou aos escoceses de grande parte dos seus beneficios, agachou a información sobre a magnitude da achega do crú ao PIB escocés e argallou unha campaña baseada na desinformación e no desprestixio dos nacionalistas do Scottish National Party (SNP), que acadaran o 32% nas eleccións ao Parlamento en 1974.
Porén, en 1998 a devolution foi aprobada por unha ampla maioría e o Parlamento escocés foi restaurado. O SNP gañou as eleccións en 2011 con maioría absoluta. En cumprimento das súas promesas electorais, o primeiro ministro escocés pactou co británico a celebración do referéndum de independencia para o 18 deste mes.
Cameron rexeitou unha terceira opción para lle devolver máis autonomía a Escocia, malia que o seu ministro de Finanzas, diante do avance da opción pro independencia ven de ofrecer esta ampliación autonómica no caso de gañar o yes. A poucos días de que a cidadanía escocesa vote nada está decidido, malia o esforzo de Londres porque gañe o No.

A decisión escocesa

Te puede interesar