Fender a impunidade

|

a causa da reparación da memoria histórica democrática, a favor das vítimas da ditadura franquista, sen dúbida veñen de producirse movementos que representan unha dinámica na que podemos considerar ter dado un paso adiante e, ao tempo, outro atrás. Nos dous casos, por efecto de procesos xudiciais en curso. 
No primeiro caso, de cara adiante por facer xustiza está a sentenza dun xulgado coruñés que condena á familia Franco a devolver o Pazo de Meirás, sen ningún tipo de indemnización, pasando ao patrimonio e usos de titularidade pública asumindo o relato na demanda do Estado impulsada por institucións e colectivos galegos. Paso firme para rematar cun simulacro de adquisición fraudulenta que vai parello ao conxunto de crimes e corruptelas dun réxime político que aínda aniña en moitas instancias do aparello nos diferentes poderes do ámbito político e privado que veñen de ofrecer unha demostración dos perversos efectos dunha longa noite de pedra que, case medio século do seu formal remate na cómplice 
Transición, a dia de hoxe aínda mantén impune a responsabilidade penal dos culpábeis de moitos miles de asasinatos, desaparicións forzadas, torturas e outros múltiples delitos cometidos nos corenta anos do franquismo. Por iso, é paso atrás polo efecto moral e político, alén da incidencia que finalmente poda causar na causa seguida dentro da chamada “querela arxentina” a respecto do varias veces ministro de Franco e do goberno posterior a súa morte, Martín Villa, feita pública no nome de antigos presidentes,  ministros e deputados dos últimos gobernos españois, históricos responsables de organizacións sindicais de ámbito estatal e outros persoeiros agradecidos.
Porén, malia o tempo pasado dende os últimos fusilamentos da ditadura, da morte do ditador na cama e do comezo dunha democracia tutelada, a día de hoxe xa non existe xustificación ética, social ou política que sosteña a aínda tan actual como provocadora impunidade franquista. 
Moito menos se con ela segue a ser impedida a urxente necesidade de recoñecerlle as súas vítimas o dereito á verdade, á xustiza e á reparación da súa dignidade e restauración persoal. Imperioso é lembrar, máis unha vez, que a memoria democrática non é unha causa que afecte en solitario ás persoas que soportaron graves violacións punibles dos Dereito Humanos na ditadura, senón que afecta a sociedade no seu conxunto porque as políticas de impunidade reinantes actualmente, ao desafío, no conxunto da administración, prexudican gravemente á calidade democrática. 

Fender a impunidade