Cidade das TIC

A cidade das TIC ten todos os condicionantes para que A Coruña sexa exemplo no resto do estado ao verter o coñecemento que sae de Elviña e da Zapateira e poñelo ao servizo das empresas, por crear unha ponte entre a Universidade e as firmas tecnolóxicas e que os talentos non marchen, que queden e queden con traballo. Nunha superficie idónea como a que o ocupaba a Fábrica de Armas, nunha explanada de preto de 100.000 metros construiremos un verdadeiro campus TIC, no que os grupos de investigación da UDC transferiranlles as súas investigacións a empresas que tirarán de profesionais e colaboradores máis próximos, ideas concretas e que se poidan materializar. 

E si é verdade que se necesitará un investimento importante, pero a longo prazo, a cidade das TIC compensará o gasto inicial xa que as entidades a pleno rendemento serán autosuficientes. Desde o Goberno local queremos darlle unha entidade xurídica que teña todas as garantías para que sexa público e que nel esteamos integrados as administracións e a UDC, que poidamos reintegrar a extraballadores da fábrica e salvar as súas capacidades para aplicalas a naturezas diversas e que a súa formación non caia en saco roto. Trátase de manter viva a parte industrial dunha cidade que non pode quedar coxa, que necesita dunha base que sustente o proceso e chegue finalmente en forma de produto ou servizo á cidadanía. Queremos unha Coruña que se baste por si soa para completar a cadea, que fabrique, dea forma e leve aos mercados marcas que se diferencien do resto, colocando esta comarca como referente, como xa o é en sectores como a moda. 

Queremos que todo isto reverta na economía coruñesa, que colla folgos grazas ás cabezas privilexiadas desta península e que a cesión se produza o antes posible para empezar a operar un clúster que aglutine a maioría de empresas con prefixo 981, que estean os centros de investigación e parte dos mestrados universitarios relacionados coas TIC co fin de que se lles dea emprego a miles de persoas de forma directa ou indirecta. Por iso, cómpre que as distintas administracións e as entidades privadas colaboren. O plan pide a participación de todas e todos e desde o Goberno Local estamos abertos a escoitar propostas para optimizalo e adaptalo segundo as demandas das persoas investigadoras e empresarias, axeitando o modelo ao que mellor conveña economicamente. O que mellor se adecúe a un coñecemento que hoxe está orfo.

Cidade das TIC

Te puede interesar