ALIVIO

Andaba eu de viúva consolable, que tampouco debemos esaxerar, de vostedes. Sen a compaña diaria deste “miudiño” dos meus pecados, atopando distracción e –mesmo– gozo, nas terras italianas cando pensei que xa era hora de botar fóra o loito e poñerme de alivio. Así que volvo estar diante dos seus ollos dúas veces por semana. Para mín co “miudiño” me contento. Canto tempo estarei de alivio non llo sei, que os camiños de El Señor son incógnita.

De momento aquí sigo, contento de colaborar co meu pan e chiculate, as visitas, xa se sabe, deben ir merendadas, no traballo cotián dun xornal onde teño ben de amigos. O que conta. E no que o outro día Xermán Castro, quen aquí me trouxera, dicía de mín cousas tan xeitosas que nunca, nunca poderei esquecelas. Que un ten o seu corazonciño, de viúva de alivio neste caso.

¿E por que viúva e non viúvo haberá quen se pregunte? Pois porque os viúvos non dan xogo literario ningún. ¿Quen lembra hoxe “El viudo Ríus”, de Ignacio Agustí? Pero as viúvas… ¡Ai, as viúvas! “Pepita Jiménez” e bótalle fío ao papaventos das viúvas consoladoras e consoladas. Coma mín por vostedes. E lisco por hoxe asubiando o “Coro de las viudas”, de “La Corte de Faraón”, por exemplo.

ALIVIO

Te puede interesar